Economía

A Xunta defende a importancia de dotar de liquidez ao tecido empresaial galego

Francisco Conde sinalou a necesidade de definir medidas que mitiguen o impacto e faciliten unha transición coordinada

Óscar Gómez

Ourense | 17.04.2020 13:06 (Publicado 17.04.2020 13:02)

Francisco Conde en conferencia cos empresarios galegos
Francisco Conde en conferencia cos empresarios galegos | xunta de galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou de maneira telemática nun encontro sobre financiamento empresarial organizado por AJE Galicia, e no que apelou á necesidade de blindar ao tecido produtivo galego para salvagardar a súa competitividade e favorecer a súa reactivación tras a crise sanitaria do Covid-19.

Conde destacou o valor do diálogo permanente entre os distintos axentes económicos e sociais para coñecer de primeira man as necesidades dos sectores produtivos, permitindo definir así medidas que mitiguen o impacto e faciliten unha transición coordinada tras o final da pandemia. No apoio ás empresas, o conselleiro subliñou un dobre escenario de accións: a corto prazo, inxectando liquidez inmediata a pemes e autónomos; e a medio prazo, executando plans que permitan a reactivación inmediata da economía.

A este respecto, a Xunta ten activada unha liña de financiamento que mobilizará 250 millóns de euros ao tecido empresarial en préstamos para pemes e autónomos de ata 200.000 euros sen xuros –bonificados pola Xunta–para cubrir gastos esenciais, como facturas, salarios ou alugueres, ou a suspensión de prazos para a presentación de impostos ata o 30 de xuño.

A Xunta tamén defende a importancia de garantir a seguridade e a saúde dos traballadores, activando medidas para dotar de material de protección ao tecido empresarial, como o paquete de axudas de 2,5 millóns de euros para apoiar ás empresas que queiran adaptar os seus procesos produtivos para colaborar na súa fabricación. Ademais, o Goberno autónomico ten enviado aos axentes económicos e sociais unha guía con recomendacións en materia de prevención e saúde laboral, así como guías específicas para sectores tan estratéxicos da economía galega como o naval, o forestal, a automoción ou a construción.