Termalismo

A saúde, o patrimonio histórico e o turismo “os grandes retos estratéxicos do termalismo moderno”

Baltar citou como clave para o impulso termal na provincia de Ourense “a mellora das comunicacións (Alta Velocidade), que situará a Ourense como un “aeroporto terrestre”, a pouco máis de dúas horas de Madrid, o que lle dará unha conectividade totaL.

Óscar Gómez

Ourense | 19.07.2019 08:13

Reunión de Termalismo en Ourense
Reunión de Termalismo en Ourense | Deputación de Ourense

A directiva da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA) reuniuse na Deputación de Ourense, onde o seu presidente, Manuel Baltar, e presidente electo desta rede termal europea, desenvolveu unha xornada de traballo xunto co presidente saínte da EHTTA, Giuseppe Bellandi; os vicepresidentes Lorenzo Luccini, Hugo Oliveira e Éric Brut, e o presidente e o vicepresidente do comité científico, Paul Simons e Mario Crecente, respectivamente.

Na xuntanza avanzáronse os temas que se analizarán na asemblea xeral que terá lugar en outubro en Spa (Bélxica), na que os novos membros da asociación tomarán posesión dos seus cargos. “Despois de celebrar, en outubro de 2018, a asemblea xeral da EHTTA en Ourense, na reunión de hoxe fixamos obxectivos, estratexias e temas organizativos neste novo mandato que se iniciará no vindeiro outubro para que a asociación, que ten tras de si dez anos de traballo exitoso, inicie esta nova etapa que estará caracterizada por potenciar as cidades e territorios termais, da man da súa riqueza patrimonial, natural e turística”, expresou Manuel Baltar.

O presidente aproveitou para felicitar a Giuseppe Bellandi polo labor realizado na súa etapa ao fronte da EHTTA e dixo que esta asociación, “que agrupa a 51 sitios termais de 17 nacións europeas, terá un novo impulso desde Ourense e co novo grupo directivo”, salientando que esta rede “será unha aliada para colaborar coas máis altas institucións comunitarias, que veñen de tomar posesión no escenario europeo, onde Ourense non só pisa forte senón que ten moito que dicir debido á nosa condición termal: o territorio de Europa con maior potencial termal, que da man dos socios da EHTTA, poremos entre todos o maior énfase e a maior capacidade loxística e económica para dar un salto de calidade e de recoñecemento e reivindicación de pertencer a territorios termais como é Ourense e os demais sitios termais que integran esta asociación”.

Reunión de Termalismo en Ourense
Reunión de Termalismo en Ourense | Deputación de ourense

Baltar citou como clave para o impulso termal na provincia de Ourense “a mellora das comunicacións (Alta Velocidade), que situará a Ourense como un “aeroporto terrestre”, a pouco máis de dúas horas de Madrid, o que lle dará unha conectividade total, e por suposto o feito de estar nunha rede, a EHTTA, cun posicionamento que permitirá coñecer que se fai en todos os lugares termais de Europa para mellorar as políticas de promoción do termalismo”. O presidente da destacou tamén a importancia de loitar “porque os tratamentos termais teñan unha visibilidade e formen parte da carteira de servizos sanitarios. Poñer en valor o termalismo é poñer en valor o turismo, a cultura, o patrimonio e o traballo en rede dos mellores sitios termais de Europa”, dixo.

Manuel Baltar defende o termalismo “como elemento de cohesión” e un “factor determinante para o desenvolvemento rural". O seu potencial turístico e os seus valores sociais, culturais, medioambientais e de saúde “fano perfecto para que protagonice a gran revolución turística do século XXI en Europa”.

Pola súa banda, os directivos da EHTTA concordaron en que logo de dez anos de traxectoria de éxito por parte da asociación, que está formada por medio cento de membros de dezasete países, “agora chega un momento de inflexión e renovado impulso para xestionar todos os proxectos que aúnan termalismo, turismo, saúde e patrimonio histórico”, destacou Mario Crecente. Os directivos da EHTTA destacaron o manifesto da asociación presentado en Bruxelas por Manuel Baltar, “cuxo obxectivo era chamar a atención de Europa sobre o papel dos territorios termais, que combinan recursos naturais e culturais, calidade de vida e unha grande expectativa de desenvolvemento, do que a provincia de Ourense pode ser un importante exemplo”, destacou Crecente.

A estratexia de traballo nesta nova etapa da EHTTA definirá os novos modelos de relación institucional da entidade con outros organismos europeos, para traballar nas liñas da saúde, os recursos patrimoniais e o turismo. “É necesario que o sistema público de saúde recoñeza os tratamentos con augas termais, e que a UE siga impulsando a recuperación do patrimonio histórico que na actualidade estea desatendido, e tamén que desenvolva iniciativas para potenciar o turismo e a recuperación das actividades recreativas que naceron nas cidades termais, así como unha xestión sostible da auga”, comentou Mario Crecente.

A EHTTA naceu en 1999 dos encontros de cidades termais, que se celebraban no marco de Termatalia, coa finalidade de crear unha asociación europea termal. “Esta rede xa ten dez anos e un itinerario cultural, e estase a preparar para saltar a unha nova posición con proxectos que potencien os nosos balnearios e as infraestruturas, e que permitan financiar actividades nestes territorios termais para devolverllas á cidadanía europea convertidas en saúde, calidade de vida e nun turismo de maior excelencia”, expresou o vicepresidente do comité científico da EHTTA.