Presas critica a inacción do goberno galego ante o sucedido no corpo de bombeiros
A formación nacionalista cualificou de escándalo que a plantilla tiveran que facer as probas na privada e adiantou que pedirá explicacións á Xunta de Galiza
O BNG criticou a inacción do cogoberno municipal e o executivo galego ante a falta de probas no corpo de bombeiros. A formación nacionalista cualificou de escándalo que a plantilla tiveran que facer as probas na privada e adiantou que pedirá explicacións á Xunta de Galiza.
Hai unha semana coñecíase que un bombeiro de Ourense daba positivo tras mostrar síntomas da covid-19. Nese momento, o BNG instou tanto ao goberno municipal como a Xunta de Galiza a facer probas masivas a toda a plantilla do corpo de bombeiros alegando que era “un servizo esencial” para a cidadanía e xa arrastraban un cadro de persoal moi escaso.
“É inadmisíbel que non se fixera a proba desde a administración galega a todos os bombeiros deste parque” sinalou a representante do BNG, Noa Presas. Continuou explicando que é un servizo esencial que vela pola seguridade de milleiros de ourensáns e demóstrase que “sigue habendo unha convivencia do PP coa sanidade privada. Non hai unha intervención pública real nos laboratorios privados” afirmou Presas aludindo á situación de alarma decretada polo goberno.
Presas adiantou que desde a formación nacionalista pedirán explicacións na Deputación Permanente do Parlamento de Galiza. Alegou tamén que é inadmisible que, tendo a capacidade para que a sanidade e os laboratorios privados pasen neste momento a intervirse por parte do executivo galego, estes centros estean obtendo lucro na crise sanitaria coa realización destas probas.
Inacción do cogoberno municipal
Despois do primeiro positivo nun “cadro de persoal moi escaso” no corpo de bombeiros, a formación nacionalista tamén instou ao cogoberno municipal a exercer a presión ao goberno galego para garantir o acceso ás probas para o conxunto dos bombeiros do parque de Ourense. “É inaceptábel que unha semana despois do primeiro positivo non se tiveran feito probas a todo o persoal e se potencie un escenario no que sería posíbel un contaxio total da plantilla sabendo que non é doada a súa substitución. Son un servizo esencial para a cidadanía ourensá e ao novo facer as probas tamén estamos poñendo en risco ao conxunto da cidadanía” sianlaron desde a organización nacionalista.