Fitur

Ourense presenta en FITUR a súa nova campaña turística

DeXconecta apela ao turismo intelixente; escoitar os visitantes e darlle forma á cidade que eles contan

ondacero.es

Ourense |

Cartel do Concello de Ourense en Fitur | concello de ourense

Ourense estará presente na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), un evento que marca o inicio do ano turístico e polo que pasaron 245.000 visitantes na última edición. A nosa cidade estará emprazada no expositor de Galicia (Pavillón 9, entrada pola Porta Norte), a través da Concellería de Turismo, co lema promocional DeXconecta Ourensanamente. Unha invitación para descubrir Ourense sen présa, gozando do momento, a través do termalismo e do benestar, a relaxación, a desconexión e a saúde.

“Presentaremos Ourense como un destino que coida corpo e mente, un destino para vivilo a través das sensacións”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad. Exercerá como mestre de cerimonias e embaixador de Ourense o actor Sergio Pazos.

Na posta en escena de Dexconecta Ourensanamente apelarase ao turismo intelixente, o resultante de escoitar os visitantes e darlle forma á cidade que eles contan, unha mensaxe construída da suma dos datos recompilados e das experiencias que inspiraron os visitantes para podérllela amosar aos que aínda non a coñecen.

FITUR tamén será o escenario para a presentación das principais citas do calendario feiral de Ourense: o Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que arrinca o próximo 6 de febreiro, e a feira internacional de turismo termal, de saúde e benestar Termatalia. O Concello estará a arroupar estas presentacións organizadas desde Expourense, que se celebrarán os días 23 e 24 respectivamente na caseta de Galicia.