Ciencia

A Xunta reitera o seo compromiso coa ciencia

Argerey puxo en valor o programa Ignicia de Proba de Concepto do que xa xurdiron cinco spin-offs baseadas en tecnoloxías punteiras

Óscar Gómez

Ourense | 15.07.2020 08:17

A Xunta reitera o seo compromiso coa ciencia
A Xunta reitera o seo compromiso coa ciencia | onda cero

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou na súa intervención, no acto de entrega de premios da Real Academia Galega de Ciencias, que a transferencia do coñecemento é unha prioridade para a Xunta de Galicia, na medida en que persegue valorizar económicamente o investimento en ciencia.

Neste senso, Argerey destacou a posta en marcha en Galicia dun programa pioneiro no apoio á transferencia dos resultados das investigacións realizadas nos centros de coñecemento galego ao mercado, o programa Ignicia de Proba de Concepto, que desde 2016 permitiu apoiar 16 proxectos de universidades, centros tecnolóxicos e fundacións de investigación sanitaria, dos que xa xurdiron cinco spin-offs baseadas en tecnoloxías punteiras e se asinou o primeiro acordo de licenza coa industria para comercializar un dos proxectos.

Argerey apuntou que aínda queda moito por facer neste eido, aínda que Galicia vai polo bo camiño. De feito, no último informe da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) de xuño de 2020 sobre resultados da avaliación da transferencia do coñecemento e a innovación relativos a 2018, Galicia ocupa a cuarta posición do conxunto do Estado, só por detrás de Andalucía, Madrid e Comunidad Valenciana.

Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que acadan a súa sexta edición, recaeron na spin-off da Universidade de Vigo RelEYEble polo seu sistema de visión artificial capaz de detectar condutas irresponsables no control da Covid-19, na categoría Ricardo Bescansa Martínez de mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía; no grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) que desenvolveu, en colaboración coa Universidade da Coruña e co Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria de Madrid, un composto farmacolóxico para evitar os efectos negativos da radioterapia e da quimioterapia sobre a pel dos pacientes oncolóxicos, na categoría Francisco Guitián

Ojea, que destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial; e Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da Universidade de Santiago de Compostela pola formulación dun verniz de unllas medicamentoso para o tratamento de infeccións fúnxicas e da psoriase ungueal na modalidade Fernando Calvet Prats, que recoñece o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial.

Estes galardóns, convocados pola RAGC en colaboración con Gain, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación de 6.000 euros en cada unha das tres categorías.

Premios de Xornalismo Científico Celia Brañas e de Divulgación Científica

No tocante á comunicación e a divulgación da ciencia, a directora de Gain destacou a importancia de facer partícipe á cidadanía do papel que xoga a ciencia e a tecnoloxíana sociedade. Neste punto, Argerey apuntou que “unha cidadanía culta e informada será máis proclive a apostar pola ciencia e a innovación” e destacou o papel dos xornalistas e dos divulgadores científicos no achegamento do coñecemento científico á sociedade.

O compromiso da Xunta de Galicia coa comunicación social da ciencia inscríbese na súa aposta pola Investigación e Innovación Responsable, na procura dun maior impacto social da I+D+i a través de actuacións que promovan a educación e divulgación científicas, o fomento do equilibrio de xénero e a participación cidadá nas políticas de I+D+i, entre outras.

O Premio de Divulgación Científica da RAGC recaeu en Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo na facultade de física da USC. O galardón recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles.

Tamén se entregaron os Premios de Xornalismo Científico Celia Brañas, tamén convocados conxuntamente con Gain. O primeiro premio, dotado con 3000 euros, foi recollido por Xavier Fonseca, redactor de La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán. Selina Otero, redactora do Faro de Vigo, conseguiu un accésit deste premio, dotado con 1000 euros, pola reportaxe A aposta científica das aulas galegas.