Infraestructuras

A Xunta continúa as rozas e as limpiezas das marxes de estradas autonómicas

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Óscar Gómez

Ourense | 15.06.2020 09:48 (Publicado 15.06.2020 09:47)

Limpieza de estradas
Limpieza de estradas | xunta de galicia

Os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas continúan a vindeira semana nas comarcas da Terra Cha, Celanova, Vigo e Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, está a realizar estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas actuacións, que xa comezaron o mes pasado, desenvolveranse a partir do luns nas estradas CG-2.2 e VG 2.1, en Lugo e O Corgo; na LU-861, en Vilalba e Xermade; na OU-411, en Padrenda e Quintela de Leirado; na PO-250, en Redondela e Ponte Caldelas; e na PO-241, en Ponte Caldelas.

Estas obras xa se levaron a cabo nas pasadas semanas nas marxes de vías das contornas da Mariña luguesa, do Baixo Miño, Vigo, Noia, Fisterra ou Ferrol. Os traballos continuarán nas próximas semanas noutras estradas da comunidade autónoma ata ter finalizados en xullo todos os labores programados.

Limpieza de estradas
Limpieza de estradas | Xunta de galicia

As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán. As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.