Voluntarios colaboran en tareas de preservación ambiental na Ribeira Sacra
Limparon e acondicionaron a ruta dos Muíños de Xábrega, visitaron os Canóns do Sil e un obradoiro de olería na parroquia de Gundivós
Cristina Pichel destacou a importancia deste tipo de programas para implicar á xente nova na conservación e posta en valor de espazos naturais de Galicia de gran valor medioambiental, como é o caso da Ribeira Sacra. En concreto, as rapazas e rapaces que forman parte desta acción encargáronse hoxe de limpar e acondicionar a ruta dos Muíños de Xábrega, que discorre pola comarca da Terra de Lemos. Mañá retomarán a actividade coa limpeza de sendeiros nos viñedos da Ribeira Sacra.
Ademais destas intervencións medioambientais, as mozas e mozos teñen a oportunidade de visitar os miradoiros do Canón do Sil e coñecer como funciona un obradoiro de olería situado na parroquia de Gundivós, no concello de Sober.
Esta actividade, ao igual que os campos de voluntariado, está adaptada ás medidas de prevención e seguridade ante a covid-19. Entre outras medidas, realizáronse grupos reducidos dun máximo de 12 mozas e mozos máis monitores para poder garantir a distancia de seguridade.
Xunto con esta actuación na contorna da Ribeira Sacra, esta fin de semana tamén se levan a cabo actuación do proxecto Lewo na Illa de Sálvora, onde grupos de persoas voluntarias traballan na eliminación de especies invasoras e na limpeza da contorna.
Nesta nova quenda do proxecto Lewo, que comezou o pasado mes de agosto e se prolongará ata novembro, programáronse actuacións de voluntariado ambiental no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; nos Parques Naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés; no Monte Aloia e no Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de de Carregal e Vixán. Tamén se realizan intervencións en tres Reservas da Biosfera: Río Eo, Oscos e Terras de Bourón; As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo; e Terras do Miño.