Economía

“Os resultados do programa ExportOU 360º xustifican a necesidade de ampliar esta plataforma a outros sectores”

O presidente provincial comprometeuse a dar continuidade a un programa que xera riqueza e emprego no territorio, “como así o demostra a audacia desta iniciativa, que permitiu contactar con preto de 500 empresas de Reino Unido e Irlanda e máis de 200 importadores que tiveron a oportunidade de coñecer as adegas a través da plataforma virtual.

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2021 09:21

“Os resultados do programa ExportOU 360º xustifican a necesidade de ampliar esta plataforma a outros sectores”
“Os resultados do programa ExportOU 360º xustifican a necesidade de ampliar esta plataforma a outros sectores” | onda cero

“Os resultados alcanzados co programa ExportOU 360º no sector vitivinícola xustifican sobradamente a necesidade de ampliar esta plataforma de tecnoloxía virtual para a internacionalización das nosas empresas a outros sectores”, asegurou hoxe o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a videoconferencia celebrada na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para presentar os principais datos obtidos a través dunha iniciativa que se enmarca na colaboración que desde hai cinco anos manteñen o goberno provincial e a confederación para contribuír á presenza das empresas ourensáns nos mercados exteriores.

Xunto ao presidente provincial, na presentación dos resultados deste programa participaron a presidenta da CEO, Marisol Novoa, e os consultores de proxectos internacionais Ana Pinto y Harold Khon, encargados de analizar a incidencia que esta iniciativa tivo nas denominacións vitícolas que ata agora contan con esta ferramenta para a promoción exterior das súas adegas.

As visitas virtuais aplicadas a través de ExportOU 360º á promoción das denominacións de orixe Monterrei, Ribeiro e Valdeorras “validan a aposta a futuro da alianza entre a Deputación e a CEO”, subliñou Baltar, que agradeceu ao equipo directivo da confederación “a capacidade para formular este tipo de propostas que demostran os beneficios da colaboración público privada”.

O presidente provincial destacou que Ourense “sempre foi berce de grandes emprendedores e onde agora a internacionalización vai cobrando forza”, apuntando que “o que é bo para o noso sector vitivinícola ó bo para Ourense”. A calidade, dixo, “é neste contexto a palabra clave, xa que si podemos presumir de ser competitivos nun mercado tan global é porque temos grandes produtos que tamén contribúen a reforzar a marca Ourense”.

Se a tecnoloxía virtual de ExportOU 360º referenda a aposta da Deputación pola dixitalización da provincia en todos os campos, engadiu, “neste momento debemos ter a intuición necesaria no ámbito do emprendemento empresarial para adaptarnos aos cambios que provocarán os novos escenarios e vantaxes competitivas como a chegada da alta velocidade, e sobre todo nun área estratéxica para este goberno provincial como o viño”.

Manuel Baltar comprometeuse a dar continuidade a un programa que xera riqueza e emprego no territorio, “como así o demostra a audacia desta iniciativa, que permitiu contactar con preto de 500 empresas de Reino Unido e Irlanda, que en conxunto son o segundo importador mundial de viño con 72 millóns de consumidores, e máis de 200 importadores que tiveron a oportunidade de coñecer as adegas a través da plataforma virtual”.

Marisol Novoa puxo énfase no inicio de ExportOU 360º, hai un ano en plena pandemia, “o que puxo sobre a mesa a urxente necesidade de eliminar distancias e afianzar novas vías de contacto e coñecemento para que as empresas puideran empezar, continuar ou consolidar a súa saída a mercados exteriores”.

Cara o 2022, o programa ampliará o número de adegas participantes e integraranse novas funcionalidades para incrementar as oportunidades de negocio en contornas dixitais, presenciais, misións inversas, directas ou feiras internacionais, así como tamén continuar coa acción conxunta iniciada en Reino Unido e Irlanda, pero co obxectivo de chegar a novos mercados, ademais de desenvolver a iniciativa ExportOU Sostible, que promoverá encontros sobre a transición ecolóxica vinculada á transformación dixital.

Entre principais resultados alcanzados con este programa figuran os seguintes:

Unha base de datos con 495 empresas (importadoras, distribuidoras, e-commerce).

Deseño e envío de newsletter específicas que chegaron a máis de 200 potenciais compradores de produto.

Usuarios das visitas virtuais: 86 en Monterrei, 90 no Ribeiro e 65 en Valdeorras, procedentes dos dous países.

Contactos con importadores: casi 500 empresas estranxeiras contactadas. Máis de 200 importadores coñeceron as adegas a través da plataforma.

81 visitas virtuais realizadas.

6 importadores mostraron o seu interese en profundizar na información das adegas marca OUrense e facer un contacto comercial.

Inicio de reunións “B2B” con empresas participantes nas visitas e axenda de reunións presenciais durante a feira internacional Prowein en 2022.