Ribeira Sacra

O Psoe pidelle a patrimonio que paralice a urbanización de San Pedro de Rocas

Noa Díaz critica que o “atentado contra o patrimonio” por parte da Deputación de Ourense pon en perigo a candidatura da Ribeira Sacra á Patrimonio da Humanidade

Óscar Gómez

Ourense |

O Psoe pidelle a patrimonio que paralice a urbanización de San Pedro de Rocas | onda cero

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Dirección Xeral de Patrimonio que “se implique na paralización” da modificación da estrada de acceso a San Pedro de Rocas –Esgos-. Alerta de que o proxecto da Deputación de Ourense levará por diante solo arqueolóxico, afectará a Casa da Coutada e eliminará 83 árbores nas beiras da actual estrada, poñendo en perigo a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Díaz insta a Patrimonio a paralizar o proxecto mentres realiza un informe urxente sobre o proxecto de modificación do acceso a San Pedro de Rocas por parte da Deputación de Ourense. Lembra que o propio presidente da Xunta aseguraba, nunha visita ao mosteiro en 2017, que aquel sería protexido “racionalizando as súas visitas”.

Polo contrario, a actuación da Deputación “demostra o concepto que teñen acerca do patrimonio coma un ben que debe ser posto a disposición do público de maneira indiscriminada para fomentar un turismo masivo que levará finalmente á destrución do patrimonio”.

Considera ademais “inaudito que a mesma Administración que impulsa e apoia a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pretenda perpetrar un atentado patrimonial coma este, e ademais baixo a xustificación da preservación do Patrimonio Natural”. Explica que o complexo rupestre, de 30 hectáreas, xustifica e argumenta a través da investigación científica, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade”.

Noa Díaz lembra que esta Declaración “esixe dunha escrupulosa protección e conservación da paisaxe, do medio e do seu patrimonio, que nestes momentos periga polo proxecto da Deputación Provincial de Ourense”.