Emprego

O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos

Manuel Baltar defende, nunha comparecencia pública na sede da Deputación, aos autónomos “fronte a un partido socialista de Ourense que parece loitar para evitar que cobren as axudas ás que teñen dereito"

Óscar Gómez

Ourense | 11.06.2020 08:11

Manuel Baltar, na rolda de prensa no Pazo Provincial
Manuel Baltar, na rolda de prensa no Pazo Provincial | Deputacion de ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu aos autónomos ourensáns fronte ao que considera unha “guerra contra o emprego” da provincia de Ourense, protagonizada polo voceiro socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, na súa loita na que semella impedir que os autónomos da provincia afectados pola crise económica do COVID-19 poidan percibir as axudas que establece a Deputación de Ourense”, afirma Baltar.

“O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos da provincia”. Así define o presidente da Deputación a estratexia liderada por Rodríguez Villarino, “fronte á que loitaremos nas instancias que sexa necesario para salvagardar o emprego e as axudas económicas de familias ourensás afectadas pola crise do COVID-19 que o voceiro socialista na Deputación parece pretender que non perciban”, afirma Baltar.

O presidente do goberno provincial, quen compareceu na rolda de prensa acompañado polo vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández, Armando Ojea e Plácido Álvarez, dixo que reiterará á Subdelegación do Goberno en Ourense “a transparencia necesaria para coñecer as razóns do cuestionamento da legalidade das axudas”.

Baltar destacou “o máximo respecto ao PSOE, aos seus militantes e aos seus votantes, á marxe dos cales semella estar Rodríguez Villarino, porque ao enfrontarse aos autónomos da provincia, tamén se enfronta ás súas familias e a toda economía de Ourense, e non podemos consentir ningún ataque á nosa provincia por parte do actual responsable do PSOE”, expresou o presidente, quen destacou que a aportación de Rodríguez Villarino nesta etapa de pandemia a prol dos autónomos da provincia foi: “nulo apoio nin propostas de axudas; abstívose cando o pleno da Deputación aprobou as axudas, sen cuestionar ilegalidade algunha, e agora ataca impunemente con xogos espurios e sementando dúbidas, con dolo e premeditación, logo de coñecer o informe do secretario xeral, que avala a legalidade de todo o proceso”.

Armando Ojea, Manuel Baltar, Rosendo Fernández e Plácido Álvarez
Armando Ojea, Manuel Baltar, Rosendo Fernández e Plácido Álvarez | Deputación de Ourense

Miles de familias

“Unha miserable estratexia electoral, na que o responsable do PSOE en Ourense utiliza a miles de familias ourensáns ás que a crise económica do COVID-19 puxo nunha grave situación. E iso non o vai consentir a Deputación de Ourense, que desde o minuto un da pandemia púxose ao carón dos autónomos, das Pemes e de toda a sociedade ourensá para remar na mesma dirección: axudándonos para recuperar canto antes a normalidade que se merece a nosa sociedade”, afirma Manuel Baltar.

Baltar pregúntase se Villarino “non estará detrás das comunicacións da Subdelegación do Goberno. Sería un feito gravísimo: a utilización partidista das institución do Estado”, en referencia a que a Subdelegación “nos reclame o expediente das axudas a autónomos promovidas pola Deputación, para revisar a súa legalidade. En ningún lugar de España o fixeron e son moitos os exemplos de deputacións e concellos que teñen aprobado axudas directas a autónomos, por suposto tamén gobernos socialistas, en concellos e deputacións, en Lugo Coruña, Barcelona, Valladolid, Sevilla, Teruel, Guadalaxara ou Cáceres”, comenta Baltar.

Neste sentido, o presidente amosou na rolda de prensa a documentación acreditativa que certifica as actuacións de Villarino ás que cualifica de “acoso para impedir que unhas axudas tan necesarias poidan chegar a autónomos e Pemes da provincia de Ourense”, afirma Manuel Baltar, afirmando que fronte a todo iso, “está a Deputación de Ourense, líder en transparencia, motivo polo cal teñen todos os datos que piden”, e reclama á Subdelegación do Goberno en Ourense “o mesmo exercicio de transparencia”

“Pregúntolle a Pedro Sánchez se sabe a quen ten ao fronte do PSOE en Ourense. Pregúntolle a Gonzalo Caballero se está de acordo con este ataque aos autónomos. Pregúntolle ás organización empresariais e de autónomos como valoran o comportamento de Rodríguez Villarino. Pregúntolle a Abel Caballero que pensa de que o PSOE en Ourense vote en contra do acordo unánime da FEMP a favor dos concellos de España”, afirma Baltar, remarcando que a sociedade ourensá “debe saber quen é este personaxe, de quen nos preguntamos se non estaría tamén detrás das inspeccións que tivo o Pazo dos Deportes “Paco Paz” mentres este centro exercía como centro loxístico de transporte e de apoio ao persoal esencial durante os duros días da pandemia”.

“Así é quen rexe os destinos do socialismo en Ourense”, conclúe Manuel Baltar, preguntándolle a alcaldes e a deputados provinciais “se tamén queren revisar as axudas directas da Deputación aos miles de autónomos da provincia, para que as devolvan; porque iso é o que pretende Rodríguez Villarino, quen, en momentos de dificultade para a nosa poboación, así entende o que significa a cooperación e a solidariedade”.