O Psoe impulsa unha moción de censura en Ourense
Villarino dixo que “o PSOE toma esta decisión cansado de xogos e falsas promesas” e resaltou que se ao PP “de verdade” lle importa Ourense “ten que dar un paso ao fronte e asinar”
O PSdeG-PSOE impulsa unha moción de censura en Ourense co fin de desbloquear o concello da terceira cidade de Galicia. Para isto depositarán mañá xoves ante notario esta iniciativa do cambio para que sexa asinada por polos edís dos diferentes grupos políticos da corporación local co fin de devolver a estabilidade, a normalidade e o progreso á capital ourensá canto antes. Os socialistas queren construír un goberno municipal representativo do sentir maioritario da cidade que dea resposta ás necesidades da veciñanza de xeito responsable.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, detallou hoxe a posición dos socialistas. “En Ourense temos a situación máis grave de caos municipal que hai en todas as cidades españolas”, subliñou para apuntar que “hai que pór tódolos mimbres necesarios para dar unha solución a unha situación de inestabilidade na que un alcalde con dous concelleiros están atrincheirados nunha alcaldía fronte a 24 que piden a súa dimisión”. Caballero anunciou que “queremos dar unha solución a este problema” e subliñou que “ímolo facer pondo enriba da mesa a firma dos 9 concelleiros e concelleiras do grupo municipal socialista”, co obxectivo de “levar adiante unha moción de censura que permita desatrancar a situación crítica que vive a cidade de Ourense”.
O secretario xeral fixo un chamamento ao resto de forzas políticas para “abrir unha nova etapa na cidade” e relatou que a alternativa é “apostar porque a lista máis votada estea na alcaldía”. Para os socialistas galegos soamente hai dúas opcións para Ourense: “ou se segue no caos dun goberno municipal de Jácome con dous concelleiros ou se posibilita que o PSdeG-PSOE con Rafael Rodríguez Villarino abra unha nova etapa de goberno”.
O secretario xeral volveu a dirixirse ao resto de forzas políticas para que “engadan o seu respaldo para que se leve a cabo a moción”. Destacou que o diálogo “manterémolo con todos, pero tamén cunha mensaxe clara que é que aqueles que crearon o problema, teñen que axudar a posibilitar unha vía de solución”. “Facilitar a solución, ser parte, pero non son a solución”, incidiu.
O voceiro municipal, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou ao PP, aludindo a que “leva creado tantos problemas a esta cidade dende fai máis de 4 anos, que non pode seguir a evadir as súas responsabilidades”. O secretario provincial anunciou que mañá día 5 “os concelleiros e concelleiras socialistas asinaremos a moción que estará a disposición de todos os que queiran pasar pola notaría a asinala” e manifestou que “é a única vía para cambiar o goberno municipal”.
Villarino explicou os motivos para impulsar a moción de censura, sinalando que “o PSOE toma esta decisión cansado de xogos, de falsas promesas e de ver como o único que fai o PP é xogar con esta cidade, que non lles importa, e que se de verdade lles importa, teñen que dar un paso ao fronte e asinar a moción”. O líder dos socialistas ourensáns destacou tamén o diálogo permanente e a disposición a reunións, pero criticou que Jesús Vázquez optase “por evasivas” sinalando que “ou non respondía, ou cando respondía puña unha nova condición enriba da mesa para dignarse sequera a reunirse comigo”.
Tamén fixo referencia á situación de caos e ingobernabilidade que afecta a veciñanza e relatou que “imos polas rúas a e xente pregunta cando se vai a cambiar”. É un clamor social a necesidade de cambio”, resaltou. Ante esta situación os socialistas amósanse “dispostos a asumir a responsabilidade que nos corresponde, a facer por esta cidade aqueles proxectos que levan tanto tempo adiados, a darlle respecto os cidadáns, funcionarios e facer que a cidade funcione dunha vez”.
O PSdeG-PSOE toma esta decisión porque “non podemos permitir que se bloquee a cidade”. Se os grupos políticos da corporación “non son capaces de poñer unha sinatura por Ourense é que realmente, Ourense impórtalles pouco e que non teñen ningún interese pola cidade polo que lles pedimos respecto e responsabilidade para que o cambio de faga realidade”, concluíu Villarino.