O PSdeG-PSOE esixe a Manuel Baltar que non “incaute” os fondos europeos de recuperación fronte a Covid-19 e “dea voz inmediata” aos concellos da provincia de Ourense, que ten “amordazados”. Unha iniciativa que se debaterá no pleno de marzo salienta que “xa estamos en tempo de desconto para presentar proxectos” e, ata o momento “o único que fixo foi facerse unha foto durante un videochat” cun “comité” de persoas “elixidas a dedo” que son alleas ás necesidades dos pequenos municipios.
A moción reclama concretamente á creación dun grupo de traballo, á maior brevidade posible, do que formen parte os alcaldes, alcaldesas ou representantes designados por todos os municipios da provincia e pola Entidade Local Menor de Berán, co fin de establecer un sistema para trasladar iniciativas e proxectos susceptibles de ser financiadas con fondos do instrumento temporal de recuperación da Unión Europea, NextGenerationEU.
O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, sinalou que “se trata de traballar de abaixo cara arriba” porque estas entidades son “as verdaderas coñecedoras das eivas de cada zona”, mediante unha “filosofía na que sexan os concellos os protagonistas”. “Fronte a iso nesta institución temos unha comisión de persoas capitaneada polo mesmo que perdeu os fondos Edusi, Jorge Pumar”, salientou tras advertir que “este non pode ser o camiño”.
“Os socialistas defendemos que non pode ser que o presidente capitalice os cartos, que os reparta de modo discrecional e que incaute eses fondos”, denunciou Villarino antes de destacar que a Deputación “debe xogar o papel de facilitador” para “darlle unha saída a esta provincia grazas aos proxectos”. “Ata o de agora so hai unha foto, mentres noutros lugares xa están traballando nas solicitudes de proxectos e nas declaracións de interese”, insistiu
Os socialistas explican que un dos beneficiarios directos serán as entidades locais tralo acordo alcanzado co Goberno central, pero a meirande parte delas son municipios pequenos de escasos recursos que non poderán acceder individualmente. Ante esto e fronte a inacción da Deputación ourensá, denuncian que Baltar está “tramando unha cartilla de racionamento de proxectos entre os alcaldes e alcaldesas co único fin de favorecer os seus intereses persoais, xogando cos cartos de todos e todas”. “O noso futuro está en xogo e non pode quedar a expensas dos caprichos do presidente”, insisten.
“É necesario que a Deputación aprobe un instrumento que permita a cooperación inmediata cos municipios, para acadar unha eficiente e efectiva consecución de fondos Next Generation”, aseguran antes de recordar que a institución ten a obriga legal de “auxiliar” e “cooperar” coas entidades locais.
“Ninguén mellor ca eles saben cales son as súas carencias ou as faíscas que poden dar lugar a novas iniciativas baseadas nos fins destes fondos comunitarios”, aseveran polo que consideran “totalmente inapropiado e antidemocrático que Baltar estea de costas ante os concellos” e “nin preguntara nin convocara a ninguén, gobernando unha vez máis como se fose o Rei Sol”.
Desde o PSdeG recordan que hai bos exemplos preto. A Deputación de Pontevedra mantivo, hai xa mes e medio, un encontro con representantes dos concellos de menos de 50.000 habitantes, para presentar o “Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos” e un sistema para incorporar propostas. “É clave ser proactivos para lograr o financiamento e Baltar está a velas vir”, salientan antes de concluír recordando que o “comité multidiscilplinar” formado por “varios departamentos da institución, consultores, técnicos e políticos”, designado a dedo polo goberno do PP e da tránsfuga, Montse Lama, non representa os intereses de todo o territorio e de toda a veciñanza.