Xornalismo

Presentación do Centro Internacional de Prensa de Compostela

Este proxecto, ten como obxectivo ser un espazo aberto a profesionais dos medios de comunicación, institucións e axentes sociais e culturais de Galicia

Óscar Gómez

Ourense | 21.04.2021 09:22

Presentación do Centro Internacional de Prensa de Compostela
Presentación do Centro Internacional de Prensa de Compostela | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense recibiu hoxe no Pazo Provincial ao director do Centro Internacional de Prensa (CIP) de Compostela, Pastor Lorenzo, acompañado polo presidente da Asociación de Periodistas de Santiago, Luís Menéndez, e polo asesor de Comunicación da Deputación, Fernando Méndez, para coñecer en detalle o proxecto do CIP, que ten como obxectivo ser un espazo público e aberto a profesionais dos medios de comunicación, institucións e axentes sociais e culturais de Galicia.

Baltar destacou a importancia “de afondar na pluralidade dos medios de comunicación, como garantes dun debate crítico e contrastado, algo imprescindible nunha sociedade moderna, avanzada e con criterio, como é a galega”, e o feito de pór en marcha esta iniciativa que sirva de punto de encontro para a sociedade civil “vai nesa liña dun xornalismo aberto e comprometido”.

O CIP estará situado na rúa Nova, no denominado Pazo dos marqueses de Santa Cruz. Nas súas instalacións poderán organizarse roldas de prensa, comparecencias políticas, sindicais, asociativas e cidadás, e contará con apoio para equipos de medios estranxeiros, ademais de ser un espazo para conferencias, videoconferencias, faladoiros, proxeccións audiovisuais e exposicións, servindo tamén para a realización de prácticas de estudantes da Facultade de Comunicación, explicou Pastor Lorenzo.

Pola súa banda, Luís Menéndez, destacou que a Asociación de Periodistas de Santiago, que asumirá a xestión do CIP, está integrada na Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), que é a primeira asociación profesional de xornalistas, que representa a 18.000 asociados, e está adscrita á Federación Internacional de Periodistas (FIP).