Saude

Presas comprométese a fortalecer a Atención Primaria

Noa Presas: “Hai que poñer punto e final a 11 anos de abandono na Política sanitaria coas veciñas e veciños de Ourense"

Óscar Gómez

Ourense |

Visita de Noa Presas os terreos donde se ubicará centro de saude do Vinteún | bng ourense

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, e os concelleiros da formación no Concello da capital, Luis Seara e Rhut Reza, visitaron os terreos onde se ía construír o Centro de Saúde do barrio do Vinteún que simboliza “as promesas incumpridas de 11 anos de PP ao fronte da Xunta de Galiza”. Presas prometeu poñer o foco a partir do 12X en fortalecer a Atención Primaria e levar a cabo unha Política Social axeitada para Ourense.

Durante a visita ao terreo, a candidata e os concelleiros en Ourense puideron comprobar o desleixo de 11 anos da política “das promesas incumpridas do Partido Popular” en materia sanitaria e política social. Un solar abandonado que para a formación nacionalista reflexa tamén a política de discriminación permanente que levou a Xunta de Galiza con Ourense durante os sucesivos mandatos.

A candidata do BNG por Ourense comezou lembrando que “non se construír ningunha residencia de maiores pública. De feito, no barrio do 21 é unha promesa incumprida que queren trasladar agora o centro a outra parte de Ourense”. “Tampouco construíron unha soa escola infantil nestes 11 anos de goberno e temos máis exemplos como a falta dun Centro de Discapacidade que sexa real” repasou Presas.

“Tamén temos exemplos de mala praxe como a privatización do Centro de Menores de Montealegre. Pero se hai unha damnificada na materia é a Atención Primaria que se representa nos orzamentos cun recorte de máis de 2 mil millóns de euros” expuxo mentres comentaba que se lle está exixindo á Atención Primaria, en plena crise da COVID-19, que asuma un papel de liderado fundamental.

“Deámoslle a volta esta situación corrixindo todos os agravios que teñen con e para Ourense” reafirmou a candidata da formación nacionalista aludindo á convocatoria electoral do 12X.Comprometeuse a reforzar a Atención Primaria “a comezar por un Plan de reforzo de 200 millóns de euros neste 2020” e rematar, na primeira lexislatura, “todos os centros de saúde pendentes con Ourense a comezar por esta débeda histórica do Centro de Saúde do barrio do Vinteún”.

Un Concello sen atender ás demandas da veciñanza

“As veciñas e veciños de Ourense estamos a pagar aínda a día de hoxe a política do beneficio que liderou Cabezas” sinalou o voceiro municipal, Luis Seara. Continuou explicando que a realidade asentábase na política dos pelotazos urbanísticos no Concello. “O que fai falta é un goberno que pense nos intereses dos veciños e veciñas de Ourense e o 12 de xullo temos unha oportunidade fantástica para situar Ourense na axenda da modernidade e construír os dispositivos sociosanitarios que o concello precisa” concluíu Seara