Ourense recibirá o maior investimento de Servicios Socias de Galicia
Á construción do CAPD de Ourense sumarase a construción da residencia de maiores que a Fundación Amancio Ortega vai financiar, e as melloras nos centros de menores de A Carballeira e Montealegre
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou as obras do futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, a cidade que máis investimento recibirá en 2021 para obras e infraestruturas de servizos sociais. A titular do departamento autonómico adiantou que os traballos estarán rematados a principios do ano 2022.
Fabiola García asegurou que o centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense é unha pequena mostra do compromiso do Goberno galego coas persoas máis vulnerables, ao que hai que engadir, entre outras infraestruturas, a construción da residencia de maiores en Ourense que financiará a Fundación Amancio Ortega con 12 millóns de euros.
O maior investimento social da historia
Fabiola García salientou, así mesmo, que a aprobación por parte do Goberno galego do proxecto de lei de orzamentos de 2021 é o primeiro paso para a aplicación dos presupostos máis altos da historia da comunidade, ao superar os 11.563 millóns de euro, que permitirán conxelar os impostos ás persoas e ás empresas e consolidar as rebaixas fiscais que se foron aplicando nos últimos anos.
Trátase, engadiu a conselleira, dunhas contas que inclúen o maior investimento social da historia da comunidade, que ascende a 876,3 millóns de euros tras subir case un 15%, 126 millóns de euros, máis ca en 2020.
Ampliación dos servizos
A cidade de Ourense será unha das beneficiadas por este incremento, xa que recibirá a maior partida de fondos propios, 5,1 millóns de euros, para obras e infraestruturas e servizos sociais na cidade de Ourense. A esta partida hai que engadirlle os 12 millóns de euros que aportará a Fundación Amancio Ortega para a residencia de maiores.
Á construción do CAPD sumaránselle o vindeiro ano así outros proxectos, como as obras de mellora e reforma dos centros de menores de A Carballeira e Montealegre.
Ademais destas partidas, Fabiola García anunciou que se ampliarán as horas de Servizo de Axuda no Fogar para o Concello de Ourense, así como as destinadas a garantir a gratuidade da escola infantil para segundos e sucesivos fillos de máis de 620 familias ourensás, e máis de 750 beneficiarios da Tarxeta Benvida.