Comercio

“Móllate por Ourense” convértese nunha das primeiras accións en favor do comercio local

A Mesa Local do Comercio, abordou a situación actual post-covid19 e as consecuencias que tivo para o sector

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 08.07.2020 08:22 )

Xuntanza da Mesa Local do Comercio de Ourense | concello de ourense

O apoio ao comercio local é unha das actuacións que forman parte da folla de ruta do goberno municipal, e por iso unha das primeiras accións será a posta en marcha dunha campaña baixo o lema “Móllate por Ourense”, como anunciou a concelleira de Comercio e Seguridade, María Fernández Dibuja, ao remate da xuntanza que celebrou hoxe a Mesa Local do Comercio de Ourense, na que participaron representantes das diferentes asociacións do sector e da Federación de Comercio.

Na reunión tamén se analizaron as consecuencias para o sector da pandemia da covid-19, así como as accións que se levarán a cabo a curto e medio prazo. Neste senso, a edil de Comercio incidiu na necesidade de concretar outra serie de iniciativas que redunden en recuperar “tanto a normalidade do consumo como a estabilidade do comercio, evitando os efectos que provocaron a pandemia e o confinamento”. Dese xeito, tamen se valora a opción de poñer en marcha outra campaña para fortalecer o comercio local no mes de setembro, que se estruturaría entre o Concello e os representantes do sector que forman parte da Mesa Local do Comercio.

Para María Dibuja, unha das cuestións que lle preocupan ao sector nestes momentos “é a situación de incerteza, ante a posibilidade de que se poida producir un rebrote”, que xunto coas perdas que se rexistraron durante o tempo no que os negocios estiveron pechados, poderían ocasionarlle un maior dano ao comercio de proximidade. De aí que “debemos avanzar en accións que teñan como horizonte fortalecer o noso comercio, polo que aposta este goberno”, engadiu.