Transporte Metropolitano

Luis Menor e Jácome inician os contactos para a implantación do transporte metropolitano

A reunión tivo lugar despois de que a corporación provincial aprobara por unanimidade no pleno de marzo a constitución “inmediata” dun comité técnico e político encargado de estudar a mellor fórmula para estender las liñas da cidade.

Óscar Gómez

Ourense | 16.04.2024 07:52

Luis Menor e Jácome inician os contactos para a implantación do transporte metropolitano
Luis Menor e Jácome inician os contactos para a implantación do transporte metropolitano | onda cero

O presidente da Deputación, Luis Menor, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantiveron no Pazo Provincial un encontro no que o rexedor informou ao presidente provincial do novo prego de condicións que rexerá o concurso para adxudicar o transporte público urbano da capital, e que cuxo contido será decisivo para a posta en marcha dun servizo metropolitano.

A reunión tivo lugar despois de que a corporación provincial aprobara por unanimidade, no pleno de marzo, a constitución “inmediata” dun comité técnico e político encargado de estudar a mellor fórmula para a implantación do transporte metropolitano de Ourense. Un grupo de traballo que estará composto pola propia Deputación, coa participación dos grupos políticos presentes na corporación provincial, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e cada un dos concellos da área metropolitana.

Unha vez requirido desde a Deputación o nomeamento dos representantes de cada unha das partes, Luis Menor adiantou que nos próximos días procederase a convocar e constituír a citada comisión, na que se analizará o prego de condicións que presenta o Concello ourensán cara a ampliación da área de influencia do transporte público.

“Celebramos moi positivamente que este acordo comece a dar os seus primeiros pasos de xeito firme”, valorou o presidente da Deputación, destacando que unha iniciativa destas características será fundamental para a capital e a súa contorna, “beneficiando case a un de cada dous habitantes da provincia”.

Pódese falar dun servizo de transporte eficiente, que conecte coas áreas empresariais que rodean a cidade, coas áreas máis poboadas e os concellos da contorna, “pero para conseguir ese obxectivo a participación do Concello de Ourense é imprescindible”, advertiu Luis Menor, que lembrou o compromiso adquirido hai tres meses por parte do Goberno provincial para sacar adiante “un proxecto de décadas”.

Cuestión de “vontade política”

Xa en decembro do pasado ano avogou o presidente pola posta en marcha deste servizo, afirmando que “se algo reclama a cidadanía que vive na contorna da capital é transporte”. Neste contexto, engadiu, “só estamos ante unha cuestión de vontade política, co Concello de Ourense autorizando a extensión de liñas, a Xunta de Galicia buscando o acordo coas empresas concesionarias dos concellos limítrofes e a Deputación -anunciou daquela- prestando apoio técnico se así se require e con achegas económicas para sufragar os custos naqueles concellos que así o precisen”.

O acordo alcanzado no pleno de marzo incluía como demanda que o servizo de transporte urbano de viaxeiros, entre todos os concellos da área metropolitana de Ourense capital, prestárase en igualdade de condicións que nas outras cidades galegas, co mesmo nivel de amplitude, eficacia e custo do servizo para as usuarias e usuarios.