Campus de Ourense

Luis Menor comprométese co futuro da Escola de Enfermería no Campus de Ourense

“Trasladaremos as peticións diante da Dirección Xeral de Universidades aínda que xa están en vías de solucións, trataremos de melloralas para rematar coas incertidumes”, reafirmou Luis Menor.

Óscar Gómez

Ourense | 31.10.2023 08:14

Luis Menor comprométese co futuro da Escola de Enfermería no Campus de Ourense
Luis Menor comprométese co futuro da Escola de Enfermería no Campus de Ourense | onda cero

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu na Deputación a unha representación da Escola de Enfermería de Ourense, coa súa directora María Milagros Fernández á fronte, acompañadas polo responsable da Plataforma Pro-Campus de Ourense, Claudio Cerdeiriña.

Na reunión púxose de manifesto que a Deputación sempre estivo ao carón do Campus, así como o histórico labor que leva realizado a Escola de Enfermería de Ourense. Hoxe en día, chegado o momento da súa integración dentro do Campus, teñen xurdido algunhas dúbidas respecto á sua centralidade en Pontevedra. “Nós, desde a Deputación, estamos totalmente en contra e apoiamos que o decanato sexa en pé de igualdade en todos os centros, e que Ourense teña o que lle corresponde”, sinalou Luis Menor, quen reiterou que “imos ser absolutamente reivindicativos, tanto para o futuro do propio centro universitario como para as condicións laborais do seu persoal, que desempeña o seu labor dentro da máxima excelencia e profesionalidade”.

De feito, o presidente provincial deixou claro que “trasladaremos as peticións diante da Dirección Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, aínda que xa están en vía de solución, trataremos de melloralas para rematar coas incertidumes”.

Pola súa banda, a directora da Escola de Enfermería, María Milagros Fernández, agradeceu ao presidente provincial “a afabilidade e boa predisposición cara esta causa que é de Ourense”.