Ourense Cidade

Lasa destaca o "tartán azul da pista cuberta de Ourense" que citará os mellores atletas

Co LX Campionato de España de Atletismo Absoluto Short Track que se celebrará na “mellor pista de atletismo cuberta de España, a de Expourense” do 16 ao 18 de febreiro xa son oito os campionatos de España celebrados e tres campionatos de España absolutos dende a súa inauguración.

Óscar Gómez

Ourense | 01.02.2024 07:50

Lasa destaca o "tartán azul da pista cuberta de Ourense" que citará os mellores atletas
Lasa destaca o "tartán azul da pista cuberta de Ourense" que citará os mellores atletas | onda cero

José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do LX Campionato de España de Atletismo Absoluto Short Track que se celebrará na “mellor pista de atletismo cuberta de España, a de Expourense” do 16 ao 18 de febreiro. O mandatario galego lembrou os oito campionatos nacionais de atletismo celebrados en Ourense dende o nacemento da pista, peor sobre todo, os tres campionatos de España absolutos celebrados en 2020, 2022 e 2024, para asegurar que “os mellores atletas acostumáronse o tartán azul da pista da Xunta que cada dous anos, acolle un campionato de España absoluto”.

Nesta ocasión, Lete Lasa destacou os nomes dalgúns dos mellores atletas do mundo que se darán cita en Ourense como Mo Katir, Jordan Díaz, Esther Guerrero, Mariano García, Mario García Romo, Marta Pérez, Jaël Bestué ou Asier Martínez. Pero, especialmente, sinalou aos atletas galegos que se atopan nun excepcional momento de forma nun ano tan importante no que de contado chegaremos ao Mundial de Glasgow, pero sobre todo no que viviremos uns Xogos Olímpicos nos que, de seguro, haberá grandes éxitos galegos. Deste xeito mirou con confianza a participación neste Campionato de España Absoluto de Adrián Ben, Ana Peleteiro, Saleta Fernández, Belén Toimil ou Leticia Gil.

O mandatario galego lembrou que, grazas ao traballo de todos, na última década pasamos de 4.300 licenzas de atletismo en 2012 a preto de 11.000 en 2022. Hoxe Galicia conta con 130 clubs de atletismo repartidos por toda Galicia -45 na Coruña, 17 en Lugo, 23 en Ourense e 45 en Pontevedra- sendo a federación galega con máis clubs tan só por detrás de fútbol, ciclismo, caza, baloncesto e patinaxe. Ademais xa son 75 os atletas recoñecidos pola Xunta en diferentes categorías, e dentro deles son 50 os deportistas galegos de alto nivel de atletismo. “Adrián Ben, Saleta Fernández, Ana Peleteiro, Ainhoa Repáraz ou Xela Martínez son algúns deles que, ademais, xa bateron récords nesta pista”, engadiu.