O concelleiro de Recursos Humanos, Armando Ojea presidiu esta maña a xuntanza da mesa de negociación do Concello de Ourense, na que participan todos os sindicatos con representación municipal: CSIF, CCOO, SAP, SPPME, CIG, USO, e UGT. Nela avanzaron nun calendario de negociación colectiva para abordar temas que administración e sindicatos coinciden en apreciar como prioritarios, como son a solución aos problemas de persoal, a carreira profesional, a nova Relación de Postos de Traballo e a busca dunha solución para a situación do persoal interino e laboral do Concello. A mesa de negociación reunirase de novo o próximo venres, 20 de novembro, para traballar sobre estes asuntos e definir un calendario para abordalos.
Na mesma sesión, analizouse tamén a aplicación ao Concello da recente sentenza xudicial que lle recoñece a traballadores municipais o dereito ao abono de pluses de festividade e nocturnidade nos seus períodos de vacacións. O Concello estudiará a aplicación desta sentenza tendo en conta as características de cada servizo municipal.
Goberno municipal e sindicatos valoraron positivamente a actitude de diálogo de todas as partes nunha xuntanza que se prolongou durante case tres horas no salón de plenos do Concello.