Baixa Limia

Galicia demanda a inclusión da comarca da Limia no plan de modernación dos regadíos

Inés Santé puxo de relevo que dos 563 millóns de euros previstos para regadíos no Plan de transformación ambiental e dixital para o sector agroalimentario, non hai ningunha partida para Galicia

Óscar Gómez

Ourense | 18.12.2020 08:24

Galicia demanda a inclusión da comarca da Limia no plan de modernación dos regadíos
Galicia demanda a inclusión da comarca da Limia no plan de modernación dos regadíos | onda cero

Galicia demanda ao Goberno central a inclusión da comarca da Limia no proxecto de modernización dos regadíos deseñado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación no marco do seu Plan de transformación ambiental e dixital para o sector agroalimentario.

Así o acordou esta mañá, de xeito unánime, o Comité de Seguimento de Regadíos da Limia, nunha reunión presidida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Deste xeito, o Comité súmase á petición que xa fixera o conselleiro do Medio Rural, José González, a semana pasada en Madrid, no marco do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. Ao tempo que considerou insuficientes os 1.051 millóns de euros consignados para o sector primario ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno central, José González considerou unha aldraxe que dos 563 millóns de euros previstos para regadíos non haxa ningunha partida asignada a Galicia.

Así as cousas, a directora xeral da Agader comprometeuse hoxe en Ourense a trasladar ao executivo de Madrid a demanda da inclusión da Limia no plan de modernización dos regadíos, nun encontro que manterá con representantes do Ministerio de Agricultura a vindeira semana. Pola súa parte, os regantes tamén avanzaron a súa intención de remitir a mesma petición de xeito individual.

Posteriormente, Inés Santé apuntou que se volverá convocar o Comité de Seguimento de Regadíos da Limia non só para informar do acordado co Goberno central, senón tamén para seguir tratando outras melloras nos sistemas de rego desta comarca ourensá, en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil.