Expourense

Gabriel Alén pon a Expourense como exemplo de compatibilidade e convivencia

O recinto acolleu un total de sete feiras, así como accións profesionais e eventos deportivos que permitiron reunir a 352 expositores e máis de 36.000 visitantes

Óscar Gómez

Ourense | 29.04.2022 09:45

Gabriel Alén pon a Expourense como exemplo de compatibilidade e convivencia
Gabriel Alén pon a Expourense como exemplo de compatibilidade e convivencia | onda cero

“O 2021 foi o ano da compatibilidade e da convivencia”; así se referiu o delegado territorial da Xunta ao recinto feiral de Expourense na presentación da memoria da súas actividades do ano pasado. Gabriel Alén significou que “á habitual actividade feiral e deportiva do recinto se sumou nesta ocasión a actividade sanitaria. As instalacións de Expourense -engadiu o delegado territorial- souberon adaptarse ás demandas da sociedade para converterse en centro de vacinación masiva contra a Covid-19 albergando durante 155 días cribados masivos e campañas de vacinación nas que foron postas un total de 346.174 doses”.

Gabriel Alén puxo en valor o traballo de todo o equipo de profesionais que conforman este centro porque o ano 2021 supoñía facer fronte a difíciles retos que este centro soubo superar, tal e como amosan as cifras. O recinto acolleu un total de sete feiras, así como accións profesionais e eventos deportivos que permitiron reunir a 352 expositores e máis de 36.000 visitantes.

En definitiva, salientou Gabriel Alén, “souberon dar unha importante lección de resiliencia pois o seu esforzo e determinación permitiron que a Fundación non detivera a súa actividade en ningún momento, nin deixara de celebrar accións profesionais, formativas e deportivas”.

Expourense é unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, o viño, o turismo activo ou a automoción.

Testemuñas desa actividade son as sete feiras organizadas polo recinto en 2021 (Car Outlet, Ourense Vinis Terrae, Salón do Automóbil Novo, Salón do Automóbil de Ocasión, Antiq Auria, Xantar e Sportur Galicia), ás que hai que sumar as distintas accións profesionais vencelladas a Termatalia.

As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha ducia de eventos alleos ao calendario feiral do recinto. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades.

O delegado territorial sinalou por último que este ano 2022, da man do Xacobeo e do compromiso da Xunta de seguir traballando desde a colaboración como garante do éxito futuro, Expourense buscará seguir medrando e achegándose a todos os obxectivos que se propoña.

Actividade deportiva

Desde finais do 2017, Expourense conta cunha pista de atletismo cuberta, unha das tres de España e unha das mellores de Europa. No ano 2021, acolleu unha quincena de competicións deportivas que reuniron a un total de 4.050 visitas.

O XXXII Campionato de España Máster en Pista Cuberta foi a cita deportiva máis importante do ano onde se deu cita a práctica totalidade do atletismo nacional, con máis de 600 inscritas/os que tomaron parte nas distintas competicións. Como resumo do campionato, ao longo dos tres días de competicións lográronse 3 récords mundiais e 16 récords de España, convertendo de novo a esta pista cuberta nun referente nacional do atletismo.

Ademais das competicións, a pista de atletismo rexistrou actividade a diario a través das sesións de adestramento que se realizaron durante a tempada de pista de 2021 e que foron ao redor de 1.200. O que acredita que, cada vez máis, a Pista Cuberta de Expourense é vista como unha instalación de uso cotián por parte dos atletas de toda Galicia.