Feijoó destaca a mellora das infraestructuras do Concello de Beariz
En materia de augas, Feijóo avanzou que o orzamento de 2021 de Augas de Galicia incluirá financiamento para a renovación da rede de abastecemento en Magros.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao alcalde de Beariz, Manuel Prado, o compromiso da Xunta cos proxectos de mellora das infraestruturas no concello.
Concretamente, Feijóo fixo fincapé no acordo para a construción de dúas pistas biosaudables, cun investimento de 20.000 euros. Nesa liña, o presidente da Xunta lembrou que o Goberno galego investiu nos últimos dous anos máis de 50.000 euros na rehabilitación da pista deportiva e na mellora das instalacións do pavillón polideportivo.
En materia de augas, Feijóo avanzou que o orzamento de 2021 de Augas de Galicia incluirá financiamento para a renovación da rede de abastecemento en Magros.
Por outra banda, na reunión, o presidente da Xunta e o alcalde de Beariz tamén abordaron a construción do acceso ao futuro parque empresarial de Lebozán. Tras salientar que o proxecto xa está redactado e conta cun investimento previsto de 380.000 euros para o enlace coa estrada OU-212, Feijóo trasladou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou este pasado luns, 30 de novembro, o expediente de información pública.
Reunión coa alcaldesa de Boborás
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordoucoa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, a colaboración da Xunta na construción dun novo centro de saúde.
Feijóo comprometeuse a trasladar á Consellería de Sanidade a posibilidade de encargar a redacción do proxecto construtivo en canto o Concello poña a disposición os terreos para a súa construción e cando as necesidades asistenciais así o confirmen. De levarse a cabo este proxecto, o edificio que ocupa o actual centro de saúde destinaríase a un espazo de coworking.
Así mesmo, na reunión abordaron a execución de diversas reformas no CEIP Nosa Señora de Xuvencos e, no eido das instalacións deportivas, Feijóo incidiu na inclusión no cadro de investimentos do proxecto para a construción da piscina pública no núcleo de Boborás. A Xunta aportará o 45% do investimento, mentres que a Deputación de Ourense financiará outro 45% e o Concello o 10% restante.
Durante a xuntanza, o titular do Executivo galego destacou a colaboración entre ambas administracións, coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Xunta.