Feijoo e o alcalde de Cenlle avalían os avances dos proxectos para o concello
Feijóo salientou os avances no proxecto senlleiro de rehabilitación da aldea modelo de Osmo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez, avaliaron os avances dos proxectos estratéxicos para o concello en materia de vivenda e infraestruturas.
No tocante ao primeiro asunto, Feijóo referiuse á construción de 6 vivendas modulares de promoción pública; un proxecto en execución, que inclúe tamén a urbanización da zona. Cun prazo de execución de 8 meses, o titular da Xunta precisou que o obxectivo é que as obras das vivendas, nas que se están a investir máis dun millón de euros, finalicen no primeiro trimestre de 2021 para, a continuación, iniciar o proceso de adxudicación.
En relación ás infraestruturas, o responsable do Executivo autonómico destacou o convenio de colaboración para a realización das obras de reforma do centro de saúde. E reiterou o compromiso coa humanización da travesía de Trasariz, logo de que esta actuación quedase paralizada pola pandemia; unha mellora que se sumará á humanización da praza da Cruz e da praza da Igrexa de Razamonde, rematada en xaneiro deste ano. Nesta mesma liña, abordaron a necesidade da mellora enerxética do alumeado público coa instalación de bombillas LED.
Sobre o paseo fluvial, recordou que a Administración autonómica destinou preto de 600.000 euros ao proxecto de recuperación ambiental e posta en valor para uso público da marxe dereita do encoro de Castrelo de Miño, permitindo a creación dun paseo que suma máis de 8 quilómetros desde Barbantes ata Xubín; ademais da execución este ano da senda peonil desde Laias a Xubín.
Así mesmo, Feijóo salientou os avances no proxecto senlleiro de rehabilitación da aldea modelo de Osmo, cuxos traballos rematarán antes de finais de ano; e o investimento para a construción dun novo colector de augas residuais na parroquia de Trasariz, neste 2020.
En materia económica e industrial, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá comprometida co tecido empresarial da zona, impulsando o emprego e a formación. Non en van, Cenlle forma parte dos Concellos Emprendedores da provincia de Ourense.
Ao longo da reunión, o titular do Executivo galego destacou a colaboración entre ambas administracións, reflectida na entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica; no incremento das horas do Servizo de axuda no fogar extraordinario -1.280 horas extraordinarias ao mes-; e, no ámbito económico, no apoio a unha empresa da zona para axudar a reactivar a súa actividade.