Cultura

A escavación arqueolóxica na Ciadella determina a cronoloxía da ocupación no campamento

O Goberno galego inviste máis de 240.000€ no proxecto executado por técnicos da Universidade de Vigo e analizado no Campus de Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 17.11.2020 09:31

A escavación arqueolóxica na Ciudalla determina a cronoloxía da ocupación no campamento
A escavación arqueolóxica na Ciudalla determina a cronoloxía da ocupación no campamento | onda cero

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitaron hoxe o xacemento arqueolóxico da Ciadella, onde nos últimos meses se vén de completar unha campaña de conservación-restauración que permitiu determinar as diferentes fases de ocupación deste campamento militar romano, así como sacar á luz importantes restos e pezas de cerámica.

Durante a visita, o titular de Cultura e Educación salientou a importancia dos restos atopados, así como a calidade do traballo “levado a cabo polos técnicos da Universidade de Vigo durante este meses”. Nesta mesma liña, Román Rodríguez celebrou que os achados nos permitan ter máis coñecemento deste complexo e importante asentamento militar para seguir afondando “no noso pasado romano”.

O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros e que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, comezou o pasado 1 de marzo e remata agora despois de desvelar novos detalles sobre este forte militar. Así, a escavación arqueolóxica descubriu un gran patio no centro das estancias xa coñecidas e rexistrar por completo unha superficie de 1.800 metros cadrados. Ademais, ao longo dos traballos tamén sacaron á luz un novo tramo do camiño perimetral do forte romano, a via sagularis, no exterior do campamento.

Exemplo único do Imperio Romano

Entre os achados destaca a identificación dun gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións. Así mesmo, tamén foi posible definir as fases cronolóxicas de ocupación deste xacemento, determinando que a súa construción foi no século I despois de Cristo, o que supón que se realizou catro décadas antes do que se pensaba.

Aínda que os técnicos continúan analizando os restos, estableceuse tamén que os militares abandonaron o asentamento a finais do século III e que as estruturas foron reutilizadas como vivendas e talleres ata o século VII. Ademais, os traballos tamén permitiron recuperar milleiros de restos, especialmente de cerámica, pero tamén de vidro e metal, así como moedas.

Todo o material recuperado está sendo estudado nos laboratorios do GEAAT (Facultade de Historia), no campus de Ourense. En paralelo, estanse a desenvolver estudos multidisciplinares que abarcan desde datacións de carbono 14 (Beta Analytic) e termoluminiscencia (Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da UDC), estudios de caracterización de morteiros (Escola de Minas da UVigo), estudios de arqueobotánica (Universidade de Porto) e tamén de zooarqueoloxía (U. de León).

Aposta decidida en Patrimonio

Román Rodríguez subliñou o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor do patrimonio cultural e coa conservación dos diferentes restos do legado romano na Comunidade. Así, lembrou que o pasado mes rematou no concello de Sober unha intervención sobre o xacemento romano de Proendos no que saíron á luz importantes restos do século I ao V.

Por outra banda, destacou a relevancia patrimonial do concello de Sobrado, onde ademais do campamento da Ciadella, a Xunta vén de acuar sobre o Mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde investiu máis de 1,4M€ na súa restauración e limpeza.