Ourense Cidade

O Concello saca as litas de contratación para persoal de Traballo Social

Eugenia Díaz Abella destaca tamén que hai outras convocatorias en marcha para seguir reforzando o persoal na área Social con outras categorías profesionais.

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 24.09.2020 11:53)

Eugenia Diaz Abella
Eugenia Diaz Abella | onda cero

A concelleira popular Eugenia Díaz anima ás persoas graduadas en Traballo Social que desexen traballar no Concello de Ourense a que se anoten na lista de contratación que deixou preparada e xa está en marcha. O prazo desta convocatoria para traballar como funcionarios interinos remata o día 30 e as bases da mesma están na web municipal e no taboleiro de anuncios do Concello.

A concelleira do Grupo Municipal do PP, que xestionou Política Social ata a suspensión do pacto polas presuntas irregularidades denunciadas polos membros do grupo político do alcalde, lembra que esta convocatoria “foi un empeño persoal no que estivemos traballando durante meses, xa que un dos principais problemas que detectamos na área social é a falta de persoal. A convocatoria deixámola lista para a súa posta en marcha hai un par de días”.

Eugenia Díaz Abella destaca tamén que hai outras convocatorias en marcha para seguir reforzando o persoal na área Social con outras categorías profesionais. “Deixámolo listo e agora pídolle ao Goberno Municipal que as leve canto antes a Xunta de Goberno para que o problema de Persoal nesta área tan necesaria e sensible nestes momentos obteña canto antes o reforzo que precisa e polo que levamos traballando meses”.

“O noso obxectivo no Goberno foi sempre a atención ás persoas, e que as persoas que máis o precisan recibisen o mellor servizo. E sigue sendo un obxectivo polo que seguiremos traballando intensamente e con lealdade á cidade por riba de todo”, sinala Díaz Abella.