Deporte

Castrelo de Miño acolle o vindeiro domingo o campionato galego de remo alevín e infantil

O parque náutico de Castrelo de Miño acolle o vindeiro domingo o campionato galego de remo olímpico nas categorías alevín e infantil, masculino e feminino

Óscar Gómez

Ourense |

Castrelo de Miño como referente no remo nacional e internacional | onda cero

O evento, conta co apoio da Deputación de Ourense e nel participarán 13 equipos procedentes de toda Galicia. As distancias que percorrerán na pista náutica de Castrelo serán 500 metros na categoría alevín e 1.000 metros na categoría infantil.

A presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Castrelo de Miño, Avelino Pazos e José Antonio Ferreiro, respectivamente; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; e o xefe do Servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez.

Rosendo Fernández destacou “a cooperación entre as diferentes institucións, o que fai posible a organización e desenvolvemento da proba e tamén planificar proxectos futuros para o parque náutico”, e o alcalde de Castrelo de Miño amosou “a nosa máxima colaboración para que este mar do Ribeiro sexa tamén de toda a provincia de Ourense e seguir cooperando para potenciar os deportes náuticos”, dixo Avelino Pazos. Neste sentido, o presidente da Federación Galega de Remo salientou que Ourense “é o maior mar interior de Galicia e o mellor sitio para o remo”, mentres que Manuel Perez agradeceu a todas as entidades públicas e privadas “o traballo conxunto que realizan para levar a cabo esta proba”.

O domingo, o comezo das regatas será ás 10.30 horas e a hora prevista para a entrega de medallas será ás 13.30 horas. Os clubs participantes proceden de Ourense, Lugo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Moaña.