Cooperación

“Bolsa” de secretarios-interventores a disposición dos concellos da provincia

A iniciativa, impulsada por Manuel Baltar, ten como obxectivo “axudar a paliar a escaseza de funcionarios con habilitación nacional e cooperar cos concellos no labor do día a día municipal”

Óscar Gómez

Ourense | 09.07.2021 09:35

“Bolsa” de secretarios-interventores a disposición dos concellos da provincia
“Bolsa” de secretarios-interventores a disposición dos concellos da provincia | onda cero

A Deputación de Ourense está a ultimar unha importante medida que vai contribuír a dinamizar o labor de xestión nas administracións locais da provincia de Ourense: trátase dunha “bolsa” de secretarios-interventores interinos “que permitirá cooperar cos concellos no labor do día a día municipal e paliar, na medida do posible, a escaseza de funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional”, afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, impulsor desta iniciativa.

Para elo, estes días, a institución provincial está a realizar o proceso de selección de secretarios-interventores interinos, logo de convocar, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, o proceso selectivo para a provisión, mediante nomeamento interino, de postos da subescala de Secretaría-Intervención dos municipios da provincia de Ourense.

Neste sentido, a Deputación comunica aos concellos que aínda non solicitaron a súa adhesión a dita bolsa, que nos vindeiros días rematará o prazo para tramitar dita solicitude de adhesión a esta iniciativa, coa que se pretende cooperar cos concellos, “conscientes da problemática que se produce na actualidade en moitos concellos da provincia nos que existen vacantes dos postos de secretarios-interventores”, explica Manuel Baltar, engadindo que esta medida “forma parte da estratexia de colaboración cos concellos que vén desenvolvendo a Deputación de Ourense neste e noutros ámbitos como o de infraestruturas, social, cultural, deportivo, turístico ou medioambiental”.