O alcalde lembra a necesidade de manter limpas as parcelas rurais
As persoas responsables das 15.000 parcelas que Ourense ten nas parroquias “priorizadas” poderán formalizar un contrato para a roza da maleza e para a retirada de piñeiros, acacias e eucaliptos por 350 €/ha.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reitera a obrigatoriedade de manter limpas as parcelas rurais do Concello de Ourense, máxime nestas datas de alto risco de incendios forestais. No día de onte, avisado polo 112, o rexedor acudiu aos labores de extinción dos lumes, onde puido comprobar o traballo coordinado de bombeiros e policía local con equipos de extinción da Xunta de Galicia, Policía Nacional e Garda Civil. “Non podemos caer nesta espiral”, advirte o alcalde, “debemos ser moi conscientes e vixiantes ao mesmo tempo e non podemos baixar a garda neste tema”. Ante calquera incidencia, están os teléfonos gratuítos 112, para emerxencia, e 085, para lumes forestais.
É por iso que lembra a existencia do convenio asinado polo Concello de Ourense con Xunta de Galicia, Fegamp e Seaga, para cooperar entre administracións nas tarefas de prevención e de defensa contra os incendios forestais. Dentro dos límites do Concello existen máis de 43.000 parcelas rurais, das que 15.000 se atopan incluídas dentro das denominadas zonas “priorizadas” que, ben polo alto número de incendios ou ben polo elevado número de hectáreas queimadas, son merecedoras de actuacións diferenciadas. Vilar de Astrés, Arrabaldo, Cudeiro, Ourense, Palmés e Velle, cunha superficie de actuación superior ás 940 hectáreas (1ha: 10.000m2), son 'parroquias prioritarias'.
As persoas responsables desas 15.000 parcelas poderán formalizar un contrato co Seaga para a xestión da biomasa vexetal (roza da maleza) e para a retirada das especies prohibidas (piñeiros, acacias e eucaliptos) por un importe anual de 350 euros/ hectárea.
A Xunta colaborará na limpeza de máis de 15.000 parcelas rurais
A Xunta de Galicia, pola súa banda, fixara o 16 de xullo como data tope para a obrigatoriedade de xestionar a biomasa vexetal e de retirar especies arbóreas prohibidas nas faixas secundarias. Grazas ao convenio asinado polo Concello de Ourense permitirase, pois, a cooperación entre administracións para acometer tarefas de interese público que permitirá a prevención e defensa contra os incendios forestais.
O Concello de Ourense conta con máis de 43.000 parcelas incluídas nese caso -emprazadas nas faixas secundarias cuxa limpeza era obrigada antes do 16 de xullo-, das que máis de 15.000 atópanse incluídas dentro das denominadas parroquias “priorizadas”: zonas que polo alto número de incendios ou o elevado número de hectáreas queimadas son merecedoras de actuacións diferenciadas. No Concello existen seis parroquias con esa denominación: Vilar de Astrés, Arrabaldo, Cudeiro, Ourense, Palmés e Velle, cunha superficie de actuación superior ás 940 hectáreas (1ha – 10.000m2).
Grazas ao convenio, as persoas responsables desas 15.000 parcelas poderán formalizar un contrato co Seaga para a xestión da biomasa vexetal (roza da maleza) e para a retirada das especies prohibidas (piñeiros, acacias e eucaliptos) por un importe anual de 350 euros/ hectárea. É dicir, o propietario dunha parcela de 400 m2 só terá que pagar 14 euros ao ano.
Inspección municipal. O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente e Perímetro Rural, realizará tarefas de inspección para comprobar que se xestionou de forma adecuada a biomasa vexetal e a retirada de especies prohibidas as parcelas incluídas nas faixas secundarias, chegando a impoñer sancións en caso de incumprimentos. O procedemento de actuación en caso de ter constancia dun posible incumprimento é o seguinte:
1. Inspección para comprobar se a parcela se atopa dentro das faixas e o nivel e alcance dos incumprimentos, se existen.
2. Identificación das persoas responsables do cumprimento dos deberes de xestión da biomasa vexetal e da retirada de especies arbóreas.
3. Elaboración técnica da documentación necesaria para o procedemento de notificacións.
4. Comunicación e requirimento á persoa responsable.
5. Elaboración técnica do anuncio para ser publicado no DOG e BOE con indicación dos datos catastrais da parcela cando non se poida determinar a identidade das persoas responsables ou resulte infrutuosa a comunicación.
6. Establecemento dun prazo para a xestión da biomasa vexetal e retirada de especies prohibidas.
7. Cumpridos os prazos das notificacións ou publicacións procederase a levar a cabo unha nova inspección para comprobar o cumprimento ou incumprimento dos deberes de xestionar a biomasa vexetal e retirada de especies prohibidas.
8. Se existe persistencia no incumprimento, iniciarase un expediente sancionador e a execución subsidiaria dos traballos.