Abren as oficinas de Turismo da Xunta
Elimínase o autoservizo de folletos turísticos por parte dos usuarios e foméntase o uso de canles dixitais para facilitar información e a realización de enquisas
As oficinas de turismo titularidade da Xunta retoman a súa actividade nas sede cidades galegas tras adaptar os seus espazos ás medidas e requirimentos de seguridade sanitaria precisos para evitar a propagación da covid-19. Precisamente, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou hoxe unha das nove instalacións xestionadas polo Goberno galego, a situada en Vigo, na rúa Cánovas del Castillo.
Ademais deste establecemento, hoxe abriron as súas portas as dotacións situadas na Coruña (rúa Celedonio de Uribe 2), Ferrol (Praza Camilo José Cela s/n), Lugo (rúa Miño 12), Ourense (rúa Concello 4), Pontevedra (rúa Marqués de Riestra 30), e Santiago de Compostela (Praza Mazarelos 15). No que respecta ás instaladas no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino (rúa Carretas 33) e no aeroporto da Lavacolla retomarán a súa actividade o próximo 1 de xullo.
Entre as medidas introducidas para garantir a seguridade de usuarios e traballadores destaca a eliminación do autoservizo de folletos turísticos por parte do cliente para evitar a súa manipulación. Así pois, este tipo de materiais serán facilitados por parte do persoal das oficinas, non se poderán compartir e unha vez entregados non se devolverán. Do mesmo xeito, fomentarase o uso de canles dixitais para facilitar a información aos usuarios, facilitando materiais e documentos en formato electrónico a través de formatos como os códigos QR.
Ademais, os visitantes deberán permanecer na oficina o tempo estritamente necesario para recibir a atención precisa e non se poderán empregar dispositivos como pantallas táctiles ou outros equipamentos de uso compartido a non ser que se asegure a dispoñibilidade de medios para o seu uso seguro.
Dentro das instalacións será obrigatorio o uso de máscaras cando non se poida garantir a distancia de seguridade entre os traballadores e os usuarios. Ademais, naqueles casos nos que non resulta posible manter esta distancia na atención ao público instaláronse elementos de protección ou barreiras como pantallas de metacrilato. “As oficinas de turismo son uns espazos que reciben milleiros de visitas cada ano e é fundamental garantir a máxima confianza hixiénico-sanitaria para que a
súa actividade se poida desenvolver con total normalidade”, explicou Román Rodríguez.
Formación e información adaptada
As oficinas de turismo son un dos eidos incluídos no programa Galicia destino seguro, dotado con 8M€ para impulsar a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade a través de diferentes accións de apoio, adaptación, formación e información ás empresas do sector. No eido da información, o Goberno galego elaborou un manual específico para estes establecementos que condensa os requirimentos e recomendacións formulados polo Goberno central e recomendacións adaptadas ás oficinas de turismo da nosa Comunidade.
Do mesmo xeito, no eido formativo, este programa inclúe máis de 500 accións centradas na implantación de medidas de seguridade sanitaria para os distintos axentes do sector con capacidade para 50.000 prazas, entre as que se atopa unha sesión formativa específica para as oficinas de turismo.