Ourense Cidade

O maior parque da cidade, construirase no barrio da Ponte

O alcalde avanza que será un espazo “emblemático” que contará cunha piscina de verán gratuíta, espazos verdes, lúdicos e deportivos e un aparcamento soterrado

Óscar Gómez

Ourense | 16.04.2020 12:01

Parque en ourense
Parque en ourense | onda cero

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, deu a coñecer, o plan de obras que desenvolverá o Concello de Ourense e que mobilizará 50 millóns de euros na cidade incluirá “unha obra absolutamente emblemática no barrio da Ponte”. O barrio con maior número de habitantes da cidade, contará co parque máis grande do centro urbano de Ourense con 18.000 metros cadrados, que superará a extensión de espazos públicos como o Parque de San Lázaro, que ten 7.000, o Xardín do Posío, de 14.000 ou o Parque Miño 17.000 metros cadrados.

Este espazo verde público estará comprendido nun triángulo, entre as rúas de Xesús Pousa e Basilio Álvarez e a Avenida das Caldas. Nestas 1,8 hectáreas, construiranse, entre outros equipamentos, unha piscina de verán de 1.200 metros cadrados, tanto para adultos como para nenos, que será gratuíta e de acceso libre a todos os cidadáns de Ourense. Será municipal e “daralles unha calidade de vida tremenda aos habitantes de todos os edificios próximos da Ponte, xa que Oira está a máis de 1 quilómetro”, indica o rexedor.

Ubicación do futuro parque da Ponte
Ubicación do futuro parque da Ponte | concello de ourense

Un compromiso para equilibrar socialmente a cidade

O proxecto desenvolverase no espazo de cesión do desenvolvementos previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1986, no ámbito definido polas rúas: Avenida de Basilio Álvarez ao sur, Avenida das Caldas ao leste, rúa de Xesús Pousa ao oeste, e rúas de San Froilán e Julia Sarmiento. O obxectivo da intervención non é só deseñar un parque público senón tamén crear lugar de lecer e actividades lúdicas para o barrio e para a cidade, que albergue zonas verdes, unha piscina pública, espazos deportivos, nun “claro compromiso para equilibrar socialmente a cidade, creando un novo espazo de lecer e actividades deportivas e lúdicas para o barrio da Ponte en particular, e para a cidade de Ourense en xeral”. É por iso que ademais no proxecto contémplase a construción dun aparcamento soterrado cunha capacidade de 400 prazas, que dará resposta ás necesidades que ten esta zona da cidade.

En canto ao custo da obra, segundo os datos dos técnicos achegarase aos 5 millóns de euros, e unha parte da contía económica será sufragado por convenio polas promocións lindeiras.

Unha infraestrutura merecida que realzará a identidade do barrio

En canto ao parque público, Pérez Jácome sinala que “podería ser bautizado como parque Canedo ou parque Santiago (en honra ao patrón da Ponte). O parque, asegura, “realzará a identidade do barrio, ademais de dotar ao maior barrio de Ourense dunha infraestrutura merecida”.

O alcalde lembra que o barrio da Ponte “xurdiu vinculado ao camiño que cruza o río cara ao interior de Galicia mediante a ponte levantada no século II despois de Xesucristo”, e que As Caldas “era un dos asentamentos romanos xurdidos na nosa cidade e na súa contorna, xunto cos de Reza Vella, Oira e as Burgas”. Aquí xorde unha parroquia nos primeiros séculos da Idade media, da cal temos datos ata o ano 1639, aínda que moito antes, na alta idade media, consta documentalmente unha capela mozárabe en Reza Vella. No século XVII formaba parte do coñecido como Coro de Canedo que tiña 30 habitantes, e que en 1867 ascendían xa a 393 habitantes. Ata 1956 a Parroquia pertence ao Arciprestado de Amoeiro, para despois pasar ao de Ourense.