Ourense Cidade

A contorna do antigo cárcere dispón de capacidade termal

Logo de adaptar e construír novas captacións, nos terreos do antigo cárcere podería obterse un caudal de 2,85 litros por segundo sen causar afectación

ondacero.es

Ourense |

Entorno da antiga carcel de ourense | La Voz de Galicia

A contorna das Burgas dispón do suficiente caudal para acoller un hotel balneario. Así se desprende dun estudo realizado pola Xunta, a proposta do Concello, no que se avalía o potencial desta zona termal da cidade e que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, analizaron durante un recente encontro. Esta análise, realizada pola empresa Geocisa, especifica que cos caudais potencialmente explotables nos terreos do antigo cárcere (que inclúen tanto o punto de saída de auga termal desta zona como os situados no Xardín das Burgas e nos Baños de Outeiro) poderíanse obter ata 2,85 litros por segundo sen causar afectación.

“Estes datos despexan as posibilidades que ofrece a contorna como motor termal da cidade, xa que farían viable a construción dun hotel balneario axustado e dimensionado ao devandito caudal”, afirma o rexedor.

Vázquez Abad salienta a “enorme importancia que este estudo ten para a toma de decisións no futuro, xa que nos ofrece datos reais para facer proxectos reais, porque ata o de agora non se fixera unha cuantificación do caudal para determinar o aproveitamento racional deste recurso”.

Para a realización do estudo do funcionamento hidroxeolóxico do conxunto das Burgas, a empresa realizou traballos de documentación, recoñecemento

xeolóxico e hidrolóxico, monitorización de mananciais, analíticas das augas e ensaios de afección.

Logo desta análise previa, os traballos de campo dirixíronse ao recoñecemento xeolóxico e hidrolóxico, para actualizar o inventario de puntos de auga subterránea. Posteriormente realizouse unha monitorización automatizada de mananciais e sondaxes, para medir durante varios meses o caudal, a temperatura e o nivel da auga termal. Tamén se recompilaron datos pluviométricos do lugar e realizáronse análises químicas e isotópicas correspondentes das augas.

A última fase da investigación, consistiu na posta en marcha de probas hidráulicas para obter parámetros hidroxeolóxicos do acuífero termal e para establecer a relación e afectación mutua entre os distintos puntos de afloramento termal da zona.

A raíz desta análise identificáronse sete puntos ou zonas de saída de auga termal (a Burga Alta, a Burga Baixa, o Fervedoiro, nas Josefinas, os Baños do Outeiro, un punto na rúa Progreso e nos terreos do Xardín das Burgas), nos que se concentran un ou máis mananciais e que ofrecen un caudal total de 7,385 litros por segundo con temperaturas que oscilan entre os 42º e os 64'4º.

Conclusións

De acordo cos cálculos efectuados , e logo da adaptación e construción de novas captacións, o estudo conclúe que se poderían a chegar caudais de 0,5 litros por segundo nos Baños de Outeiro, de 1,6 l/s no Xardín das Burgas, e de 0,75 l/s no Cárcere. En comparación con outras instalacións termais, caso dos balnearios de Laias (caudal de 3,2 l/s en 2.500 m2,con 100 habitacións e 500 tratamentos ao día) ou de Arnoia (4,7 l/s para máis de 700 tratamentos ao día en 3.000 m2 de instalación), o estudo dá o visto bo para a explotación termal sen ningún tipo de afectación.

O estudo enmárcase na colaboración aberta co Concello de Ourense para aproveitar a capacidade termal da cidade a través de proxectos como o EcoBarrio, que prevé establecer a primeira rede de Europa de district heating aproveitando a enerxía xeotérmica.