Ribeiro

O Consello Regulador Ribeiro colabora coa EVEGA na mellora do sector

O obxectivo principal deste programa de transferencia tecnolóxica, impulsado dende AGACAL, é contribuír a que os coñecementos, melloras e innovacións, cheguen ao sector fomentando a súa capacitación tanto en aspectos técnicos coma económicos

ondacero.es

Ourense | 12.03.2019 10:08

Clausura Xornadas Viniticolas
Clausura Xornadas Viniticolas | Consello Regulador Ribeiro

Dende o ano 2013 ambas as dúas entidades veñen colaborando dun xeito regular na organización deste tipo de accións formativas que segundo o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares, “son fundamentais para mellorar a formación do sector e potenciar a profesionalización en todos os elos da cadea de valor do viño Ribeiro”.

Aos talleres prácticos de atributos e defectos dos viños brancos e tintos súmanse xornadas técnicas que con títulos como os viños de garda, o Tostado, o manexo de solos e a rega no viñedo ou as estratexias de xestión de pragas e de control de enfermidades da tipoloxía do Oídio e o Black Rot, constitúen o amplo abano de temas que se teñen tratado ao longo destes anos.

Afirma Juan Manuel Casares que “dende o CRDO Ribeiro colaboramos coa EVEGA nun total de 11 accións desta tipoloxía desenvolvidos en Leiro, Arnoia, Cenlle e Ribadavia. Segundo os datos que nos constan, nelas participaron máis de 30 poñentes de distintos puntos de Galicia e España e contaron coa asistencia de algo máis de 900 alumnos”.

Asemade esta colaboración faise extensiva a outros servizos como o analítico xa que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro utiliza tamén os servizos do laboratorio da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), acreditado pola ENAC, para a realización das analíticas correspondentes ao seu programa de control da calidade.

Actividades previstas para o ano 2019

Como continuación desta colaboración estable entre as dúas entidades, durante o ano 2019 organizaranse un total de catro accións nas que colaborarán outras entidades como a Fundación Juana de Vega, a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro e os concellos de Cenlle e Arnoia.

O programa formativo principia o vindeiro día 15 de marzo coa celebración dun taller práctico sobre “Elaboración dun Plan de Comunicación Dixital como ferramentas de innovación e márketing”. Esta acción desenvolverase na Casa do pobo de Barbantes. (local da Asociación de MM. VV. Man Común de Barbantes) do concello de Cenlle e a súa finalidade é que os participantes aprendan a deseñar esta ferramenta que permite analizar, e de ser o caso, mellorar aspectos de importancia empresarial como a presenza da empresa vitivinícola e/ou enoturística na rede; o coidado da súa imaxe ou a interacción co cliente. Impartido pola especialista en xestión de redes sociais, María Porto Corujo; as prazas dispoñibles son 20 e o prazo de inscrición rematará o día 13 de marzo.

O día 22 de marzo os interesados poderán asistir, no Hotel Balneario Arnoia Caldaria, a outro taller titulado “Aromas do Ribeiro. Novos procesos de recoñecemento dos atributos nos viños da D.O.P. Ribeiro”. Nesta actividade os asistentes poderán coñecer os procesos de adestramento do olfacto e o gusto a través do recoñecemento de descriptores básicos dos viños amparados pola Denominación de Orixe Protexida Ribeiro. Coñecerán as moléculas responsables dos principais atributos neses viños tal e como se describen no pliego de condicións do Consello Regulador así como a orixe e mecanismos da súa aparición; aprenderán a detectar o limiar de percepción de cada atributo e a coñecer como se manifestan en positivo estes atributos nos viños do Ribeiro.

Os destinatarios destas accións son viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores e persoal investigador interesado no

tema. Membros do panel de cata do Consello Regulador Ribeiro. Público interesado en xeral.

Durante o segundo semestre do ano celebraranse outras dúas actividades: unha xornada técnica sobre a elaboración de vinagres e un taller especializado de cata destes produtos, ambos os dous contarán coa presencia no Ribeiro de expertos da Asociación Vinavin.