Crisis Coronavirus

O Concello entrégalle a Cáritas 600 quilos de produtos frescos cedidos solidariamente por Coren

O alcalde expresa o “agradecemento absoluto” do Concello de Ourense á empresa pola súa achega e a Cáritas por ser “o auténtico salvavidas das persoas necesitadas” na cidade

Óscar Gómez

Ourense | 14.04.2020 13:03 (Publicado 14.04.2020 13:02)

Productos de Cores, entregados polo concello de Ourense a Cáritas
Productos de Cores, entregados polo concello de Ourense a Cáritas | concello de ourense

O Concello de Ourense entregoulle esta mañá a Caritas un cargamento de 600 quilos de alimentos doados solidariamente pola empresa Coren para axudar as persoas máis afectadas pola pandemia de COVID-19 na cidade. Foron Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, e Eugenia Díaz Abella, concelleira de Política Social, os que lle realizaron en persoa a entrega a Ángel Feijóo Mirón, delegado de Cáritas. Os alimentos destinaranse ao comedor social de Cáritas en Ourense, un servizo que multiplicou o seu número de usuarios desde o inicio da pandemia, e que está a servir unha media de 500 menús cada día na cidade.

O alcalde quixo agradecer as mostras de solidariedade que moitas persoas e empresas están a realizar durante estes días, poñendo a disposición do Concello os seus recursos e capacidade de traballo para axudar a afrontar a pandemia en diferentes frontes. E dun xeito especial, esta achega de Coren, empresa líder da provincia, que puxo a disposición do Concello uns 600 quilos de produtos frescos en bandexa (1.100 bandexas con pezas de polo e 150 rottis de polo), para atender ás persoas que o precisan na cidade. O Concello xestionou de inmediato a entrega a Cáritas, entidade social que durante estas datas está a actuar como “auténtico salvavidas das persoas máis necesitadas”, sinalou o rexedor, xa que está a servir una media de 500 menús diarios.

O alcalde expresou en nome do Concello o “agradecemento absoluto” a Coren por este acto solidario, e a Cáritas por estar “volcándose coa cidadanía”.

O delegado de Cáritas, Ángel Mirón, subliñou a importancia desta achega ante o aumento da demanda de servizos que está a rexistrar o comedor social. O delegado lembrou que a entidade case triplica o número de racións diarias: 563 no día de onte.