O Concello concederalles axudas aos autónomos con actividade na cidade
O borrador das bases, inclúe como requisito que os beneficiarios sexan persoas físicas que realizan, de forma habitual, persoal e directa, unha actividade económica.
O proceso para concretar a concesión de axudas, que serán de 2.000 euros e individuais, para autónomos, pemes e pequeno comercio, entra na súa recta final, segundo anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. O borrador das bases inclúe como requisito que os beneficiarios das mesmas sexan persoas físicas que veñan realizando de forma habitual, persoal e directa, unha actividade económica a título lucrativo dentro do termo municipal de Ourense, sempre que o desempeño de dita actividade non estea suxeita a contrato de traballo pon ningunha empresa e figure dada de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), así coma no Imposto sobre Actividades Económicas, e se teña visto afectada pola crise da COVID-19, en función do Real Decreto de Alarma do Goberno Central.
A convocatoria esténdese nos mesmos termos aos profesionais que traballen por conta propia sen vencello con ningunha empresa, e figuren de alta tanto no RETA coma na Mutualidade de Previsión Social correspondente. Deberase estar dado de alta no Réxime da Seguridade Social ou na Mutua profesional correspondente e en Facenda, con anterioridade ao 14 de marzo de 2020. É dicir: os solicitantes deberán ter o domicilio fiscal e, no seu caso, o local de desenvolvemento da actividade, no termo municipal de Ourense.
O rexedor aclara que se trata dun borrador que se espera concretar esta mesma semana para seguir coa tramitación, que concluirá a vindeira semana coa aprobación das bases da concesión de axudas na xunta de goberno local. O obxectivo do alcalde é “que teña a menor burocracia posible para que poida chegar canto antes os beneficiarios”.