Datos Paro

CCOO lamenta que os datos do Emprego certifiquen que o desemprego é un problema endémico para a nosa provincia.

CCOO laiase de que as previsións se cumpran novamente. Os datos do paro amosan un mes máis unha suba do desemprego na nosa provincia

Óscar Gómez

Ourense | 02.10.2019 14:01

pedro barreiros
pedro barreiros | onda cero

Unha vez rematado o período estival, o desemprego volve a incrementarse na nosa provincia. En concreto hai 17.772 persoas desempregadas, 305 máis co mes anterior, sendo o colectivo das mulleres o máis afectado con 10.397 paradas fronte aos 7.375 homes desempregados. Novamente o sector de Servizos, un dos piares da nosa fráxil economía, é onde máis se incrementa o desemprego, con 11.796 persoas desempregadas, 335 máis co mes de agosto e das cales 1.159 son mulleres.

Pedro Barreiros, secretario xeral de CCOO de Ourense, cualifica de «insostible» un crecemento do desemprego como o do mes de setembro acompasado ademáis pola contratación precaria (90,3% dos contratos son eventuais), reflexo da ralentización da actividade económica xa de por si feble estruturalmente.

Ademais da alta temporalidade da contratación importa moito máis a súa baixa duración media: asínanse moitos contratos de moi curta duración que apenas se traducen en emprego. A rotación e a precariedade non son exclusivas da contratación temporal, e tras a reforma laboral de 2012 a contratación indefinida hase precarizado e cada vez serve menos para acceder a un emprego estable.

CCOO defende cambios do modelo produtivo e laboral para xerar e consolidar emprego de calidade e con dereitos, que poña freo á precariedade e a desigualdade. Apostamos e esiximos o desenvolvemento de politicas industriais ligadas á creación de emprego de calidade, que tamén axudaría a fixar poboación e evitaría a emigración da xente mais nova. Apostamos por potenciar a negociación colectiva e a mellora sostida de salarios e pensións, e por unha reforma fiscal progresiva que permita recuperar o investimento produtivo e aumentar os niveis de protección social.

Na nosa opinión é necesario reverter as reformas realizadas para devaluar o país e afrontar os retos de futuro: a dixitalización, a formación ou a transición enerxética. Avogamos especialmente por unha corrección en profundidade da reforma laboral e da de pensións de 2013 e apostamos por unha negociación colectiva que permita subir salarios