O acceso ao emprego público réxese polos principios constitucionais de mérito, capacidade, igualdade e publicidade, pero José Luis Baltar non soubo deste último requisito durante os 22 anos que exerceu como presidente da Deputación ourensana. Iso foi, polo menos, o que afirmou para defenderse no xuízo que arrancou onte no seu contra no Pazo de Xustiza de Ourense. Segundo dixo, non sabía que os 104 empregos polos que está a ser xulgado debían terse publicitado para que os que o desexasen puidesen optar a eses traballos.
O fiscal, Florentino Delgado, acúsao de prevaricar por elixir de forma arbitraria as persoas que debían ser contratadas e onte estaba moi interesado en saber se Baltar coñecía a obriga de publicitar os empregos dispoñibles. Este dixo que nin sequera se lera a ordenanza que el mesmo aprobou no 2004. Esa norma reitera, precisamente, o requisito da publicidade mesmo para as contratacións urxentes, como é o caso das 104 baixo sospeita. Segundo dixo, fiábase dos técnicos que elaboraron a normativa e que a xestionaban no seu día a día.
Fiscal. Vostede sabía que en ambos os dous casos [no procedemento ordinario e no de urxencia] había que facer publicidade?
José Luis Baltar. Non o sabía. E dígolle máis, eu creo que non o sabía nin o propio xefe de recursos humanos porque se non mo tivese dito. Eu [...] sempre crin que no procedemento extraordinario non había que facer convocatoria e ninguén me avisou. Polo tanto entendo que tampouco o sabía o xefe de recursos humanos porque se non me tivese advertido de que antes de facer iso que había que ter feito unha comunicación e, como era un procedemento de comunicación de tres días, xa me dirá vostede se non compensaban tres días para non nos ver nesta lea.
F. Pero vostede levaba moitos anos na Deputación xa nesa época. Nunca se preocupou por preguntar?
J. L. B. Nunca me preocupei porque nas oposicións que convocaba a Deputación eu no trámite administrativo só asinaba o que me traían a asinar. Non me preocupaba de se se publicara ou non. Eles eran os que se tiñan que encargar de todo iso.
F. Digo se vostede sabía, independentemente de que se fixese ou, non que tanto nun procedemento coma noutro hai que facer publicidade.
J. L. B. No extraordinario estaba convencido de que non e ninguén me avisou nin me fixo ningún reparo. En 22 anos na Deputación nunca tiven un reparo de Secretaría nin de Intervención en ningunha das actuacións que fixen.
José Luis Baltar negouse a responder ás preguntas das acusacións populares (exercidas por PSOE e Mans Limpas), polo que no seu interrogatorio pasaron desapercibidos os vínculos co PP dos 104 supostos enchufados. De feito, o xuízo arrancou cunha protesta do avogado do expresidente, Luis Romero, que pediu a nulidade de toda a instrución porque o fiscal investigou sen tomar declaración ao seu defendido e, sobre todo, porque ás testemuñas se lles preguntou pola súa afiliación política, algo que estaría prohibido.
A xuíza recordou que a Audiencia Provincial xa se pronunciou ao respecto e o interrogatorio a Baltar comezou, aínda que sen máis referencias aos vínculos co PP dos contratados. Todo iso, malia que o xuíz instrutor concluíu as súas pescudas relacionando esas contratacións co congreso que naquelas datas selou o relevo de pai a fillo no liderado do partido. O PSOE (cuxa denuncia en Fiscalía deu orixe ao caso) cre que con esas incorporacións Baltar quería asegurar a vitoria do seu fillo.
Sexa como sexa, as preguntas ao expresidente centráronse en aclarar por que tantas contratacións urxentes e como seleccionou os contratados. Respecto á primeira cuestión, Baltar explicou que no ano 2009 a Deputación non recibiu uns fondos que outros exercicios si ingresaba o Estado e que tivo que non renovar os contratos temporais existentes. De aí que, a inicios do ano 2010 -xa cun novo presuposto- se disparasen as contratacións. Todas elas, segundo afirmou, eran necesarias e foran solicitadas polos respectivos xefes de departamento da institución. O expresidente explicou ao fiscal que pediu ao xefe de recursos humanos que lle facilitase os currículos dispoñibles:
Fiscal. Entón vostede o que facía era un labor de criba, digamos.
José Luis Baltar. Exactamente.
F. Vostede collía os currículos e dicía, este para a biblioteca, este...
J. L. B. Exactamente. Este pode valer para isto, este pode valer para isto outro.
F. É dicir, que vostede seleccionaba varias persoas para cada posto. E despois?
J. L. B. eu poñía os currículos que entendía máis apropiados e despois era o xefe de persoal, en comunicación persoal e directa cos xefes de servizo quen adaptaba os nomes polo seu currículo.
O expresidente explicou que, aínda que non houbese publicidade, «todo o mundo sabía que en xaneiro ía haber contratos». Segundo dixo, os propios bedeis da Deputación eran os que informaban as persoas que chegaban a interesarse pola dispoñibilidade de empregos. De todos os xeitos, os 104 polos que Baltar será xulgado «eran de moi pouca cualificación e valía todo o mundo