Infraestructuras

A Xunta trasladará á comisión Hispano Lusa a proposta para crear unha autovía ata a Gudiña

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuníronse con alcaldes de ambos lados da “raia” que solicitan unha conexión internacional por autovía entre o nordeste de Portugal e a estación do AVE da Gudiña.

Óscar Gómez

Ourense | 15.10.2019 10:17

Alfonso Rueda e Ethel Vázquez na reunión na Gudiña
Alfonso Rueda e Ethel Vázquez na reunión na Gudiña | xunta de galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuníronse con alcaldes de concellos transfronteirizos que reclaman ao Goberno central á creación dunha conexión internacional por autovía entre o nordeste de Portugal e a estación do AVE da Gudiña, onde acordaron que o Goberno galego dará traslado desta proposta á Comisión Hispano-Lusa para a Cooperación Transfronteiriza. Á reunión tamén acudiu o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen trasladou tamén o apoio do ente provincial á esta demanda conxunta.

Alfonso Rueda sinalou que a conexión que demandan os alcaldes contribuiría a reforzar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e facilitaría o acceso directo á liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid. Os rexedores dos dous lados da “raia” instan ao Goberno de España que aprobe a construción do treito da autovía ata a estación do AVE da Gudiña que corresponde á parte ourensá e, por tanto, ao territorio nacional. No que se refire á postura do Executivo portugués aclararon que xa lles manifestara o seu interese por esta conexión da que tería que asumir a maior parte do treito.

Alfonso Rueda e Ethel Vázquez na reunión na Gudiña
Alfonso Rueda e Ethel Vázquez na reunión na Gudiña | Xunta de Galicia

Este encontro dá continuidade á xuntanza celebrada o pasado setembro na que os alcaldes presentaron a súa proposta a Xunta para demandar o seu apoio na promoción da iniciativa ante o Goberno central. Esta nova reunión afianza a cooperación entre o Galicia e o Norte de Portugal para reclamar mellores infraestruturas que faciliten a mobilidade na Eurorrexión.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reiterou que o Ministerio de Fomento debe cumprir os prazos para que a conexión de AVE a Madrid estea en probas antes de finais deste ano e funcionando con todas as garantías de seguridade en 2020. Destacou que a finalización do AVE é un obxectivo de país irrenunciable que

debe ir acompañado da dotación de trens de última xeración para aproveitar ao máximo as potencialidades a alta velocidade.

Subliñou que ante a chegada do AVE resulta positiva a alianza dos alcaldes da área da Gudiña e representantes da comarca portuguesa de Tras-os-Montes para sacarlle a máxima rendibilidade a través dunha nova conexión internacional por autovía entre o nordeste de Portugal e a futura estación da Gudiña.

Salientou que esta autovía sería clave para lograr que a estación de tren da Gudiña sexa unha verdadeira porta de Galicia ao AVE e convertería a este municipio ourensán nun nó de comunicacións de transporte ferroviario de viaxeiros da Eurorrexión, coas oportunidades que isto podería abrir para os territorios de ambos os lados da Raia