Ourense Provincia

A Xunta investirá 48.000 € nun paso peonil en Castro Caldelas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, acondicionará un itinerario peonil na estrada OU-536, no punto quilométrico 47,970, ao seu paso polo núcleo urbano de Castro Caldelas

Óscar Gómez

Ourense |

Estrada OU 536 a seo paso por Castro Caldelas | wikimedia Commons

A Xunta ten dado indicación de iniciar o procedemento de contratación das obras de reparación da beirarrúa e a mellora de accesibilidade na travesía do municipio, que contarán cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros e cuxa execución se prevé iniciar no mes de xuño.

Na actualidade, no tramo desta estrada que coincide coa travesía de Castro Caldelas existe unha beirarrúa cun forxado de viguetas deteriorado. Este forxado, ademais de conformar a beirarrúa constitúe, á súa vez, o lintel dun pasadizo peonil soterrado que dá acceso a diferentes vivendas.

A actuación proposta para reparar este forxado prevé a súa demolición e a execución posterior dunha nova lousa de formigón armado, que constituirá a nova beirarrúa e o novo lintel do pasadizo peonil. Tamén se realizarán unha serie de actuacións no paso peonil soterrado para o seu acondicionamento.

Ademais, na zona onde actualmente se atopan as escaleiras, proponse a ampliación da beirarrúa, aproveitando ademais o seu ensanche para dispor unha zona de carga e descarga para os negocios dese tramo de beirarrúa. Para iso será necesario redistribuír a sección da estrada.

Os traballos consistirán, polo tanto, na demolición de forxado de viguetas existente, a construción de nova lousa que constitúa a beirarrúa e á súa vez o lintel do pasadizo peonil, a substitución da varanda no perímetro do oco das escaleiras, así como repavimentación da nova beirarrúa superior, modificación do trazado dos carrís e da sinalización horizontal.

No paso soterrado, o proxecto prevé o levantamento do pavimento de formigón existente e reparación da soleira mediante a execución dun pavimento continuo de formigón, reparación de xuntas e reposición de alumeado e da drenaxe de pluviais.