A Xunta concede 240.000 euros ao comité cidadán Anti-Sida
A maior parte deste importe vai dirixido ao mantemento do centro de acollida especializada para persoas afectadas por esta doenza
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe a achega de 240.000 euros concedida ao Comité Cidadán Anti-SIDA de Ourense na convocatoria de subvencións dirixida a entidades de iniciativa social para a realización de actividades de inclusión social referente aos anos 2018-2020. Fíxoo durante a súa visita ás instalacións da casa de acollida desta entidade, onde tamén mantivo unha reunión co presidente, Jesús Apolinar Álvarez, e a súa xunta directiva.
A maior parte deste importe vai dirixido ao mantemento do centro de acollida especializada para persoas afectadas por esta doenza. A contía tamén contempla varias partidas para adquisición de diferente material de oficina, tales como ordenadores, tabletas, unha impresora e un proxector, ademais de diverso mobiliario para os baños e sofás para o centro de acollida.
O director xeral gabou a traxectoria e o traballo diario desta entidade na súa loita contra o SIDA. Unha liña de traballo que comparte co Goberno galego, por isto, asegurou que a Administración autonómica continuará a apoiar as entidades sociais que prestan un servizo de calidade á xente que se atopa nunha situación de vulnerabilidade.
Este compromiso coas entidades sociais reflíctese no incremento do importe das axudas concedidas ao abeiro da orde de subvencións para actividades de inclusión, que na última convocatoria duplicouse ata acadar os 16 millóns de euros.
Así mesmo, destacou que nos Orzamentos de 2019 da comunidade, que levan en vigor xa desde comezos de ano, destínanse 119 millóns de euros á área de inclusión, unha contía que supón un 70% máis do que a Xunta destinaba a este obxectivo hai dez anos.