O gran evento do Nadal en Galicia, o Videomapping de Ourense, contará este xoves cun pase extra. Así, o espectacular videomapping que abraiou a nenos e maiores os pasados 21 e 28 de decembro, ofrecerá un pase extra este xoves 03 de xaneiro, ás 21:30 horas. Será, coma sempre, na Praza Maior. Ante as numerosas peticións de persoas que non puideron asistir ás proxeccións, o Goberno Municipal solicitoulle á empresa MBC Servicios Audiovisuales, a adxudicataria deste evento, que ampliase un día máis a proxección de “O pequeno paxe”, o conto de Nadal protagonizado por Magostus.
Dáselle resposta así, co pase extra do xoves 03 de xaneiro ás 21:30 horas, ás peticións de persoas que, polo seu horario laboral, non podían asistir a ningunha das proxeccións previstas. A última oportunidade para presenciar este espectáculo será o venres 04 de xaneiro ás 19:30h e 21:00h. “Un dos eventos que marcan a diferencia dentro das máis de 400 actividades que ofrecemos en Ourense durante este Nadal e que xa é un símbolo da nosa cidade desde decembro de 2015”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez Abad.