Xunta de Galicia

A Xunta reforza os servicios de apoio a mulleres con discapcidade e migrantes

López Abella abordou coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) as liñas de traballo de información e asesoramento afectivo-sexual que se levan acabo a través do servizo Dedaleira

Óscar Gómez

Ourense | 27.10.2020 08:48

A Xunta reforza os servicios de apoio a mulleres con discapcidade e migrantes
A Xunta reforza os servicios de apoio a mulleres con discapcidade e migrantes | xunta de galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo en Santiago de Compostela reunións de seguimento dos convenios de colaboración que a Xunta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, mantén coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e a fundación Juan Soñador de apoio ás mulleres inmigrantes en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

O Goberno galego apoia o labor especializado de información e asesoramento afectivo-sexual para mulleres con discapacidade e a súa contorna que desenvolve Acadar, un colectivo sen ánimo de lucro que se centra principalmente na atención de mulleres residentes no rural e de mulleres con discapacidade máis severa ou en situación de risco ou exclusión social. Así, o servizo Dedaleira inclúe asesoramento individualizado, accións de formación grupal e o acompañamento e a atención a persoas que viviron ou están a vivir situacións de abusos. Esta iniciativa conta cunha unidade específica, Querelar, de detección e identificación de situacións contra a liberdade e a indemnidade sexual.

Na xuntanza, ademais, López Abella abordou o traballo da nova unidade específica Co-respecto na que se tratan relacións desigualitarias co obxectivo de minimizalas e reconducir posibles condutas tóxicas a relacións sans.

Proxecto Malaikas

A secretaria xeral da Igualdade, doutra banda, reuniuse hoxe tamén coa fundación Juan Soñador para abordar as liñas de traballo que, en colaboración coa Xunta, desenvolve a través do proxecto Malaikas para o empoderamento de mulleres migrantes en situación

de vulnerabilidade e risco de exclusión social con intervención nas cidades de Lugo, Vigo, Ourense e A Coruña.

Os obxectivos deste convenio de colaboración son incrementar as redes de apoio social das mulleres que participan na iniciativa e axudalas a afrontar situacións persoais, familiares ou sociais a través de espazos grupais e comunitarios. Así mesmo, lévase a cabo un labor de sensibilización á cidadanía sobre a situación das mulleres migrantes, a través dun enfoque de igualdade e xénero. Deste xeito, as mulleres migrantes contan cun espazo de acollida diario onde poden recibir a información que precisen e utilizar medios tecnolóxicos, ao tempo que se lles ofrece a posibilidade de participar en obradoiros de formación.