A Xunta premia o traballo de cinco centros educativos
Máis de cen centros docentes participaron na convocatoria, á que presentaron 140 lemas con mensaxes de rexeitamento da violencia machista
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, deu a coñecer no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en Santiago de Compostela o nome dos centros escolares gañadores do concurso de lemas convocado pola Xunta con motivo do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia de xénero. Os alumnos de 5º de Primaria do CEIP Campolongo de Pontevedra -co eslogan Multiplica a igualdade, dividirás violencia - e os de 1º de Bacharelato do IES plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda -con Dobreguemos a culpa da violencia de xénero- resultaron vencedores nas respectivas categorías.
No acto, que se desenvolveu en liña en conexión cos centros participantes, recoñeceuse ademais o traballo dos segundos e terceiros premiados no certame no que participaron máis dun cento de centros, que presentaron un total de 140 lemas.
Na primeira categoría, a dos rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO, quedou en segundo posto a frase dos alumnos de 6º do CEIP plurilingüe de Ames -Se me controlas, non me molas- e, en terceiro lugar, estudantes de 2º de ESO do IES Arcebispo Xelmírez de Santiago de Compostela co lema: Aposta polo bo trato e desfaite do maltrato.
Na segunda categoría, dirixida a rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO, de Bacharelato e de Formación profesional básica, ciclos de grao medio e ciclos de grao superior; o xurado recoñeceu o traballo de 1º do Ciclo Superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do IES plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda (2º posto) por Edúcame en igualdade e seremos libres; e o do alumnado de 2º do Ciclo Superior de Educación infantil do CIFP Portovello de Ourense, pola súa frase: A violencia repúlsame, a igualdade impúlsame.
Tal e como subliñou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acadouse unha importante participación que deu cumprimento aos obxectivos da convocatoria: promover a reflexión sobre a loita contra a violencia de xénero dentro dos centros educativos de Galicia.
O xurado valorou a participación activa do alumnado nesta iniciativa, o traslado dunha mensaxe acorde co rexeitamento da violencia de xénero, a orixinalidade, a creatividade lingüística, a claridade e a adecuación da mensaxe. Os lemas gañadores en cada categoría poderán ser utilizados pola Xunta en futuras conmemoracións do Día Internacional contra a Violencia de Xénero ou en calquera outra acción de sensibilización contra esta violencia. Cada un dos alumnos galardoados recibirá ademais un cheque por valor de 150€ (para os primeiros), 75€ (os segundos) e 50€ (os terceiros) para empregalos no comercio local.
Exposición Agresión Off
No marco dos actos do 25-N convocados pola Xunta, a campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual segue a percorrer diferentes municipios galegos ata o mes de decembro con obradoiros de sensibilización, tamén dirixidos aos máis novos. Todos eles son concellos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que solicitaron participar nesta iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade.
No stand ofrécese á cidadanía participar en diferentes obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas adaptadas á súa idade.
Os obradoiros están divididos en áreas de traballo co obxectivo de sensibilizar á poboación contra a violencia sexual en temas como o desmantelamento de estereotipos de xénero, alerta de micromachismos ou a violencia e as novas tecnoloxías, entre outros.