A Xunta destina 760.000€ para inserción laboral de persoas en risco de exclusión social
A Axenda 20 para o Emprego promove a integración e a calidade no traballo das persoas máis vulnerables e a promoción da economía social
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a ampliación da orde de axudas a empresas de inserción laboral (EIL) que eleva a 757.568 euros a contía destinada este ano para promover o acceso ao mercado de traballo de persoas en situación ou en risco de exclusión social. Nesta convocatoria, e co novo reforzo do apoio, está previsto que antes de final de ano se acade a contratación de máis de 100 traballadores.
As axudas teñen por obxectivo favorecer a incorporación ao mercado de traballo de persoas nas que concorren factores de exclusión, co obxecto de proporcionar formación e emprego a este colectivo desfavorecido e socialmente vulnerable.
Con esta idea a Xunta colabora con entidades cualificadas como empresas de inserción laboral que promoven a constitución de empresas con este obxectivo e a creación de emprego para persoas que teñan recoñecido o seu risco ou situación de exclusión social polo Sistema Galego de Servizos Sociais por un período máximo de 3 anos.
As persoas en proceso de inserción poderán estar contratadas un máximo de 3 anos. A Xunta apoiará as contratacións superiores a 6 meses e as xornadas que excedan do 50%.
A ampliación da contía inicial destinada ás EIL chega para atender a demanda das entidades asociativas do sector, coas que a Consellería de Emprego e Igualdade mantén contacto permanente. A Xunta cubre deste modo o custo salarial -salario mínimo interprofesional- dos traballadores en inclusión, atende a contratación de persoal técnico de inclusión ou produción e impulsa a creación de postos e a posta en marcha de novas empresas, o que permite aumentar o número de traballadores atendidos.
A inclusión sociolaboral constitúe unha prioridade nas políticas de emprego da Xunta. A Axenda 20 para o Emprego promove a integración e a calidade no traballo das persoas máis vulnerables e a promoción da economía social.
A reincorporación ao mercado de traballo das persoas vulnerables procedentes da exclusión supón avanzar cara á igualdade de oportunidades de todos os galegos e galegas.
Grazas as empresas de inserción laboral os traballadores recuperan hábitos laborais e de relación que perderan e acceden a un traballo remunerado que lles permite gañar autonomía e avanzar nas súas metas persoais.