A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, tivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co alcalde do Bolo (Ourense), Manuel Corzo, na que avaliaron os puntos de interese para abrir novas vías de colaboración. A xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a manter a titular de Emprego e Igualdade cos principais axentes económicos e sociais de Galicia con especial atención ás entidades locais galegas no compromiso de fomentar iniciativas que permitan asentar pequenos proxectos empresariais no rural.
Lorenzana reafirmou, neste sentido, a aposta da Administración autonómica pola integración laboral de persoas con maiores dificultades e co deseño de pequenos proxectos empresariais no rural, que poidan ser reproducidos en toda Galicia, para contribuír a asentar nos núcleos máis pequenos tanto traballadores como poboación. Programas como Aprol Rural, do que se beneficiou o Concello do Bolo no último ano, contribúen incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.