Unha exposición conmemora o 20º aniversario do pasamento de José Ángel Valente
Auga, pedra e luz. Ourense e Almería no itinerario poético de José Ángel Valente, está organizada pola Deputación de Ourense e exhíbese ata o 10 de xaneiro de 2021 no centro cultural “Marcos Valcárcel”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado do director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe á apertura da exposición Auga, pedra e luz. Ourense e Almería no itinerario poético de José Ángel Valente, unha mostra que se exhibe no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense ata o 10 de xaneiro de 2021.
O proxecto expositivo foi elaborado baixo a produción, organización e patrocinio da Deputación de Ourense e conta co apoio da Consellería de Cultura, da Universidade de Santiago, da Deputación e o Concello de Almería, e do Instituto de Estudios Almerienses, unha colaboración conxunta que fixo posible a posta en marcha desta iniciativa coa que se conmemora, no seu Ourense natal, o 20º aniversario do pasamento de José Ángel Valente (Ourense, 1929 – Xenebra, 2000).
Manuel Baltar afirma que a mostra “fai un percorrido pola vida e obra dun dos intelectuais ourensáns máis universais, con manuscritos, poemas, primeiras edicións e libros da biblioteca do autor”, e destaca que esta exposición, “a máis importante sobre a figura de Valente, retrata a traxectoria vital do autor, na que sobresaen a súa “Augasquentes” natal –como chamaba a Ourense– e a súa Almería de adopción”.
“Ao redor destas dúas cidades descorre a mostra, que parte do traballo de investigación e realización dun proxecto audiovisual dirixido por José Manuel Mouriño, comisario da exposición”, sinala Baltar, salientando que o espazo expositivo “amosa unha nova perspectiva da vida e obra de Valente, con materiais orixinais, moitos deles nunca antes expostos, e a gran influencia que Ourense e Almería tiveron na súa obra”.
A exposición apóiase nunha heteroxeneidade de materiais artísticos da que fai gala a figura de Valente: fragmentos das tomas en localizacións e entrevistas pertencentes ao documental de Mouriño; manuscritos e documentos de traballo orixinais do poeta cedidos ao proxecto pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC; estampas familiares do arquivo persoal do poeta; primeiras edicións dalgúns dos seus títulos máis senlleiros, e publicacións especiais nas que a obra de Valente dialoga coa de grandes creadores coma Antoni Tapies, Eduardo Chillida, Leopoldo Nóvoa ou Antonio Saura.
A mostra contén tamén un diálogo de dous fotógrafos, un galego e un almeriense, sobre a persoa e á obra de Valente: fotografías do proxecto que Manuel Falces realizou co poeta baixo o título de “Cabo de Gata: la memoria y la luz”, xunto con retratos de Valente firmados por Manolo Álvarez, quen quixo aportar ao proxecto una peza concibida expresamente para o mesmo por Álvarez, titulada En exegrue.
O comisario da mostra define a Valente como “un sedutor da palabra cuxa relación con Ourense foi sempre moi intensa e conflitiva, e en Almería buscou, precisamente, ir desaparecendo paulatinamente, algo que aconteceu coa súa literatura e tamén con el mesmo, anque quixo ser soterrado en Ourense”, explicou José Manuel Mouriño.
Pola súa banda, Anxo Lorenzo salientou que esta exposición “pon en valor a unha das grandes figuras da cultura galega, desde Ourense, que ten unha importante produción en galego e en castelán”, destacando asemade o seu labor como tradutor. “Con esta mostra seguimos afondando na necesidade de revisar e actualizar a historia cultural de Ourense e de Galicia”.
O catálogo da exposición recolle, ademais das aportacións ensaísticas de Claudio Rodríguez Fer, Marifé Santiago Bolaños, Fanny Rubio, Alberto Ruiz de Samaniego ou Miguel Ángel Ramos, a testemuña do recentemente finado Julio López Cid. Este escritor ourensán, amigo persoal do poeta durante toda a súa vida, relatou ata os seus derradeiros días as vivencias xuvenís de Valente no Ourense de posguerra.