Os socialistas reclaman a gratuidade do aparcadoiro do CHOU ata fin de ano
Os socialistas consideran unha “decisión prexudicial para a institución provincial” o acordo co que se perdoou á concesionaria o pago dos canons de 2020 e 2021, a cambio da gratuidade dos estacionamentos durante o estado de alarma.
O PSdeG-PSOE reclama ó goberno provincial bipartito de Manuel Baltar e DO a gratuidade, durante todo o 2020, do aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) de titularidade da Deputación. Os socialistas consideran “unha brincadeira de mal gusto” e unha “decisión prexudicial para a institución provincial” o acordo co que se perdoou á concesionaria o pago dos canons de 2020 e 2021, a cambio da gratuidade dos estacionamentos durante o estado de alarma, a pesar de acadar unhas ganancias anuais que rondan o medio millón de euros.
Os socialistas salientan que é “incomprensible” que esta gratuidade se limite a só unhas semanas ante una emerxencia sanitaria mundial de gran calibre. “Para colmo PP e DO perdóanlle á empresa o pago dos canons anuais de 26.375 euros ata 2022, unha cantidade que rondaría unha ínfima porcentaxe dos beneficios que logra en cada exercicio e que as arcas públicas da Deputación deixarán de ingresar”, denuncian.
“O goberno da Deputación ten que velar polos intereses dos ourensáns e da institución e non en facer piruetas políticas para que algúns empresarios engorden as súas contas a través de prezos abusivos e trampas contables”, advirte o voceiro do grupo socialista, Rafa Villarino. “Baltar actúa como se fose un crupier, organizando o xogo e pagando e recollendo diñeiro en beneficio do benestar da empresa e non da veciñanza”, denuncia antes de reclamar a “fin inmediata deste xogo sucio con cartos públicos”.
O voceiro defende que a “única forma de compensar esta prexudicial decisión de PP e DO é alongar a gratuidade do parking para todos os usuarios e usuarias do CHUO durante o ano 2020”. “O canon anual resulta irrisorio pois en menos de 15 días xa está pagado” o que “demostra que esta instalación pública é un gran negocio para algúns” no que a veciñanza “non ten por que asumir os presuntos menores ingresos que se poidan acumular a causa dunha pandemia”, advirte Villarino antes de anunciar que “ó longo dos próximos meses e ante o boiante estado económico da concesión, pediremos que a Deputación inicie o seu rescate e recuperación para todos os cidadáns”.
O PSdeG-PSOE instou, a comezos do pasado mes de abril, á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense a que facilitasen aparcadoiro gratuíto durante a crise do SARS-CoV-2 nos recintos de seu xunto ó Hospital Universitario e xunto o Hospital Santa María Nai, unha proposta que pouco despois foi anunciada por Baltar como se fora unha idea propia. O goberno de Feijóo nunca respondeu e o parking da se titularidade autonómica do CHUO non mudou as tarifas.
O impulso de aparcadoiros gratuítos nos grandes recintos sanitarios que formulan os socialistas de Ourense é unha “medida clave e transversal” do PSdeG-PSOE en toda Galicia, xa que “é de xustiza e acorde coas reclamacións de toda a cidadanía”. As persoas que acoden a estes recintos fano por razóns obrigadas de saúde ou laborais e non por ocio, polo que “nin a saúde nin o traballo dos profesionais sanitarios que salvan vidas pode ser tratado exclusivamente como un negocio repleto de claroscuros que buscan beneficiar intereses privados”, conclúen.