Ourense Cidade

O Psoe esixirá a Feijóo que clarexe "por que ningunea a Ourense"

“Baltar e Feijóo forxaron un pacto contra os intereses da cidade e xusto cando os intereses de Ourense están en xogo, abandonan a esta cidade"

Óscar Gómez

Ourense |

Juan Carlos Francisco e Rafa Villarino | Psoe ourense

O PSdeG-PSOE esixirá explicacións inmediatas no Parlamento de Galicia a Alberto Núñez Feijóo sobre o “ninguneo” a Ourense, por “confundir os intereses dos veciños e veciñas coa posición do señor Jácome”, logo de que o presidente da Xunta excluíse á terceira cidade de Galicia dos seus proxectos e da súa oferta de diálogo. Os socialistas reclaman ao PP que deixe de usar a Ourense como “refén” e que dea un paso adiante para rematar co “caos” que eles mesmos crearon a través dun “pacto antinatura” con Democracia Ourensana.

O deputado e secretario de organización, Juan Carlos Francisco, denunciou a “posición absolutamente cínica do PP”, o “máximo responsable” desta situación de “caos” na cidade e no conxunto da provincia. “Baltar e Feijóo forxaron un pacto contra os intereses desta cidade e xusto cando os intereses de Ourense están en xogo, abandonan a esta cidade”, insistiu antes de recordar como o presidente da Xunta marxinou á capital ourensá na súa oferta de diálogo a todas as cidades de Galicia.

“A posición de Feijóo, confundindo os intereses dos veciños e veciñas coa posición do señor Jácome, parécenos un absoluto atropelo a esta cidade e aos seus veciños e veciñas, que están sendo ninguneados polo PP”, declarou Francisco quen tamén cuestionou se o presidente galego considera agora “letais” aos “105.000 veciños e veciñas desta cidade obviados” como fixo hai un ano co aínda alcalde. “A defensa dos veciños de Ourense é unha obriga de todos os partidos políticos e nós temos encomendada a defensa de quen nos votou e de quen non”, recordou o deputado, polo que anunciou que “emprazará ao señor Feijóo e ao Partido Popular a que contesten se conciben non só a Jácome como letal, senón tamén aos 105.000 veciños e veciñas que viven nesta cidade”.

“Queremos explicacións de por que Feijóo ningunea a esta cidade”, recalcou porque “imos esixirlle que cumpra con esta cidade e que non lle falte ao respecto aos veciños e veciñas”.

“Se non aportan, que aparten”

Pola súa banda, o secretario provincial, Rafa Villarino, asegurou hoxe que “o PP creou unha realidade paralela forxando un goberno contra a opinión dos votantes” e “tomaron a Ourense como un xoguete” para repartirse Deputación, Xunta e Concello “nunha estratexia partidista”, polo que incide en que deben por fin a unha “situación de bloqueo inaudita” creada só por eles. “Se non aportan, que aparten”, insistiu Villarino sinalando a Feijóo e Baltar como máximos responsables deste “caos” xa que “Ourense non pode ser refén de desexos políticos”.

“Xa é tempo de deixar de enganar a Ourense”, indicou o voceiro logo de denunciar como desde o PP e DO “jáctanse de ter resoltos os seus propios problemas ou de intentar resolvelos a conta dos cidadáns”. “O PP ten que tomar algún tipo de iniciativa máis aló de escaparse das administracións públicas” tras “abandonar as súas responsabilidades para exercer só presión política”, recalcou Villarino. “É momento de dicirlle ao PP que debe deixar de ser o can do hortelano que nin goberna nin deixa gobernar e terá que facer algo para que esta cidade teña o goberno que lle corresponde”, advertiu. Sobre unha posible moción de censura, o secretario provincial aseverou que a decisión será tomada sempre no seo do partido porque o PSOE “non é un organismo unipersoal como si o son outras formacións”, e recordou que “o PP ten a obriga de ser unha forza útil para deixar de ser unha forza que utiliza” a Ourense e a súa veciñanza. “Nós estamos dispostos a asumir a nosa responsabilidade como partido máis votado”, incidiu novamente tras reclamar aos conservadores un paso adiante para “deixar de bloquear”.