O Psoe denuncia o "sistema caciquil de Baltar" durante o estado de alarma
Villarino asegurou que “estamos ante o sistema caciquil, o dedo de sempre, mentres había unha traxedia aí fóra” e salientou o “cinismo” de Baltar tras dicir que era “tempo de persoas e non de obras"
O PSdeG-PSOE denuncia a adxudicación de máis dun millón de euros en contratos menores de obras na Deputación de Ourense, mediante o “sistema caciquil a dedo de Baltar” durante a vixencia do estado de alarma, a pesar da suspensión destes procedementos decretada polo Goberno central durante a emerxencia sanitaria. Os socialistas destaparon que o 80 % das obras foron para agraciar a concellos da provincia gobernados polo PP e tamén salientaron que case o 80 % foron asfaltados que non son nin urxentes nin de emerxencia. En total detallaron 27 contratos menores de obra por importe de 1.135.463 euros. A Deputación tamén procedeu a adxudicar outros contratos menores de servizos ou suministros.
O voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, compareceu acompañado do senador e secretario de organización do PSdeG-PSOE, Juan Carlos Francisco; do deputado provincial, Nacho Gómez; e da candidata ao Parlamento de Galicia, Marina Ortega. Villarino destacou “o cinismo do presidente que dixo que era tempo de persoas e non de obras mentres practicaba o clientelismo e adxudicaba 1 millón de euros en obras innecesarias”. “Estamos ante o sistema caciquil, o dedo de sempre, mentres había unha traxedia aí fóra”, denunciou o voceiro logo de destacar que a meirande parte destas adxudicacións están vinculadas “a empresas de sempre ou persoas próximas ao PP”.
Villarino tamén destacou que 26 destes 27 contratos menores foron adxudicados recabando unha soa oferta, o que supuxo un aforro de só o 0,0005 % (6,56 euros). En cambio a única obra adxudicada con varias ofertas supuxo un aforro do 24,7 % ó rebaixar o importe de licitación en 6.091 euros. “É algo indefendible e indecente”, insistiu xa que “moitos empresarios estiveron confinados sen poder facer nada máis que protexer a saúde” mentres a Deputación ourensá se adicou a “caciquear como sempre”.
Pola súa banda, Juan Carlos Francisco, insistiu en que “a Deputación de Ourense se adicou a adxudicar contratos ós de sempre” sen “cumprir ademais o procedemento e requisitos formais”, polo que cuestionou “a posición de Núñez Feijóo” ante estes graves feitos. “Cal é posición de Feijóo ante todo isto?” preguntou antes de instar tamén ao presidente da Xunta a detallar “as axudas que ten para esta provincia, para autónomos ou empresas” xa que “o Goberno do Estado si habilitou mecanismos de axuda evidentes”. “Nunha situación de excepcionalidade na que se colocou como campión da desescalada”, advertiu que “Feijóo debe dar a cara e explicar que ten para Ourense”.
“Desde o PSOE denunciamos a hipocrisía e o cinismo absoluto do señor Feijóo en relación a súa posición nesta pandemia coa nosa provincia” que “só lle interesa para obter os votos necesarios que lle dean deputados que levanten o dedo no Parlamento para facelo presidente”, asegurou Francisco. “Ademais de caciquear votos en Ourense coa Deputación, pregunto se ten pesando facer algo para axudar a esta provincia”, insistiu para concluír.