Ciencia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, inaugura Galiciencia

Animando aos máis de 3.000 participantes de toda España a ser “os protagonistas da innovación do futuro”. A maior feira científica da comunidade, promovida por Tecnópole, celébrase ao longo desta semana de xeito online

Óscar Gómez

Ourense |

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, inaugura Galiciencia | onda cero

Arranca a 15ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, desenvolverase ata o venres baixo o lema “A innovación do futuro”. Debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria, esta edición é online -polo que se abre a participantes de toda España- e pode seguirse en directo a través do Youtube de Tecnópole e da web www.galiciencia.online. Conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, deu a benvida de xeito telemático aos máis de 3.000 rapaces de toda España participantes nesta edición. “Este ano Galiciencia 2020 é diferente porque nada é igual desde que comezou a pandemia. Toca adaptarse a esta realidade e por iso a maior feira científica de Galicia reinventa o seu formato e presenta a súa primeira edición cen por cen en liña, todo un reto para Tecnópole, que ao longo destes meses realizou un gran traballo para trasladar esta feira ao mundo dixital e abrilo a moitos máis participantes tamén fóra de Galicia” -salientou-.

O presidente sinalou que “hoxe os protagonistas sodes vós, rapaces e rapazas dos centros de ensino de Galicia e do resto de España, que aproveitades a oportunidade que Galiciencia vos ofrece para achegarvos á ciencia dunha maneira diferente á que se fai nas aulas, xogando e competindo sanamente para ver cales son os mellores proxectos. O éxito desta convocatoria está asegurado porque a resposta da comunidade non puido ser mellor, con máis de 3.000 estudantes inscritos”.

“Estamos ante unha crise sanitaria e económica para a que só a ciencia pode dar respostas. Non estamos a buscar solucións, medidas e tratamentos só para mañá senón tamén para o longo prazo porque a Galicia que vós ides herdar así o necesita. Por iso, e como di o lema deste ano de Galiciencia, anímovos a convertervos no que desexedes e que sexades os protagonistas da innovación do futuro” -concluíu Feijóo-.

Un gran espectáculo de ciencia

A feira comezou cun grande espectáculo de ciencia no que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer cales serán as tecnoloxías máis innovadoras no futuro. Achegáronse á intelixencia artificial, á realidade aumentada e realidade virtual, á neurociencia e mesmo á ciberseguridade e ao mundo hacking ou pirateo informático. Houbo demostracións en directo e os rapaces, desde os seus centros educativos, tamén realizaron os seus propios experimentos seguindo as indicacións dos divulgadores científicos que están a conducir este evento, cos que podían interactuar.

Ao longo da mañá os rapaces puideron coñecer se as súas contas foran hackeadas, desenvolveron experimentos de recoñecemento de imaxe… e ata fixeron karaoke a través dun xogo de simulación. Tamén se celebrou a final do Desafío “Atrévete coa innovación do futuro”, na que os grupos participantes tiveron que facer fronte a unha serie de retos vencellados coa innovación. Tiveron que resolver enigmas, retos criptográficos e diversos xogos para poder facerse co premio final, un kit con material tecnolóxico.

Nos vindeiros días daranse a coñecer os gañadores dos proxectos máis innovadores desta edición, que ao longo do último mes foron chegando á organización de Galiciencia. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame.